A XUNTA REGULA AS CONDICIÓNS PARA GARANTIR A IDONEIDADE SANITARIA DA CARNE DE CAZA MAIOR SILVESTRE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 03 2019

 

A Xunta de Galicia publica hoxe no Portal de Transparencia o proxecto de decreto para regular as condicións co obxectivo de garantir a idoneidade sanitaria da carne de caza maior silvestre, como é o caso dos xabarís, entre outros. O obxectivo é facilitar o consumo da carne destas especies e tamén minimizar o posible risco de transmisión de enfermidades ás persoas polo consumo de carne de caza maior silvestre.
 
Son as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Medio Rural; e Sanidade, as encargadas desta normativa que tamén regula a comercialización da caza maior silvestre abatida no territorio en Galicia. Coa publicación no Portal de Transparencia do proxecto de decreto, iníciase o prazo de envío de suxestións que ten de prazo ata o día 1 de abril.
 
Así, en concreto, o texto establece os requisitos para a subministración directa por parte do cazador ao consumidor final e aos establecementos de restauración de pequenas cantidades de carne fresca de caza maior silvestre. Tamén recolle as normas que teñen que cumprir os locais intermedios de faenado das devanditas pezas de caza silvestre destinadas á subministración directa e cómo debe realizarse o transporte das pezas (requisitos hixiénicos e sanitarios) desde o lugar de caza. A normativa tamén recolle as condicións para a inspección veterinaria no local intermedio de faenado de caza maior silvestre e o destino destas pezas de caza maior.
 
Aumento de especies cinexéticas como o xabaril
O número das poboacións das especies cinexéticas, sobre todo de caza maior silvestre, aumentou considerablemente no territorio galego. Esta situación permite fomentar e promover a comercialización da carne de caza e outros produtos derivados da mesma. A caza tamén permite exercer unha presión de control de determinadas poboacións, diminuír os danos e conflitos que xeran cara á agricultura, a gandería, a seguridade viaria e os bens das persoas, e reverter no territorio contribuíndo a mellorar os recursos económicos do mundo rural.
 
O incremento de especies cinexéticas como o xabaril tamén aumentou a probabilidade de contacto cos animais domésticos, especialmente con aqueles que se crían en condicións extensivas. A difusión de determinadas enfermidades nos animais silvestres obxecto de caza fai necesario intensificar as medidas de inspección e control das pezas de caza silvestre para garantir a seguridade dos consumidores e coñecer o estado sanitario da fauna salvaxe, polas súas implicacións na saúde dos animais domésticos e na actividade gandeira.

 

É necesario, pois, prever o control sanitario adecuado para garantir a inocuidade dos produtos alimentarios que proveñan das pezas de caza silvestre.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss