O CARRIÑO DON AMABLE DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO XA OFRECE ALMORZOS NO HOSPITAL DE DÍA DO COMPLEXO FERROLÁN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
13 03 2019

O carriño Don Amable da Asociación Española contra o Cancro (AECC) xa ofrece almorzos no Hospital de Día Oncolóxico do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Un total de 11 voluntarias acoden diariamente, entre as 11:00 e as 13:00 para ofrecer almorzo, informar ós pacientes, acompañantes ou familiares que o desexen, ou simplemente falar. Esta acción enmárcase no convenio que a Xerencia Integrada de Ferrol do Servizo Galego de Saúde e a Asociación asinaron o pasado ano e que regula a actuación do voluntariado da Asociación nos hospitais cos pacientes oncolóxicos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. A finalidade é promover unha maior calidade de vida para os enfermos de cancro e as súas familias.
Segundo indica, a responsable de Oncoloxía, a facultativa Laura de Paz Arias, a través deste convenio o hospital permite unha “maior visibilidade a unha asociación que pode axudar ós nosos pacientes”. A supervisora do Hospital de Día, a enfermeira Nieves Loureiro Pérez, afonda nesa idea incidindo na “importancia do achegamento da asociación con todo o que pode ofrecer: vén a asociación ó paciente, e non ó revés”, explica. Estas profesionais valoran moi positivamente un apoio que está a complementar a dispoñibilidade dos e das profesionais sanitarias que xa existe no Hospital de Día coa atención clínica telefónica.  “Afondan en información loxística que nós xa dábamos, ou simplemente acompañan e entreteñen para que pase máis rapidamente o tempo de espera para a consulta”, engaden.
Pola súa banda, a presidenta da Xunta Local de Ferrol da Asociación Española contra o Cancro, Isabel Estevan Serrano, destaca que esta iniciativa “é unha das tarefas máis gratificantes do traballo da asociación; xa que é a máis directa e achegada, e pode ser moi útil estar para resolver dúbidas”. Esta voluntaria da Asociación exemplifica esta colaboración destacando que “algunhas das persoas coas que agora falamos directamente non sabía que o asesoramento psicolóxico era gratuíto, ou que existe un banco de perrucas gratuítas tamén”.
Materialización do convenio asinado
De xeito global, o convenio asinado ten como obxecto “facilitar de maneira inmediata a información necesaria dos recursos existentes para a atención ó paciente recentemente diagnosticado de cancro e ós seus familiares e en relación á situación da súa enfermidade”. Identifícanse as necesidades tanto do enfermo unha vez diagnosticado como do familiar; e, xunto con isto, avalíase o grao de malestar que presentan ámbalas dúas partes tras recibir o diagnóstico, favorecendo o acceso ós diversos servizos que sexan máis axeitados, e que se axusten ás súas necesidades.
Este convenio, tal e como se reflicte nel, concrétase no “acompañamento de voluntariado da Asociación ó paciente oncolóxico” da área sanitaria ferrolá; “facilitar apoio ó coidador primario”; e “proporcionar actividades de animación, facilitando a comunicación, e a accesibilidade necesaria”. O carriño Don Amable que 11 voluntarias pasean polo Hospital de Día con diversas cousas para almorzar materializa este convenio.
De xeito específico recolle o convenio que a Xerencia Integrada de Ferrol “sensible ós fenómenos que poidan redundar nunha maior cohesión social,” e tendo como obxectivo o fomento do voluntariado, “recoñece o importante papel desta asociación, e é consciente da necesidade de promover e coordinar actividades deste tipo coa rede asociativa da comarca”. De feito, esta asociación era invitada a participar na sesión informativa sobre o Consello Asesor de Pacientes a principios deste ano. E, tal e como se reflectía esta semana no Diario Oficial de Galicia, solicitaron formar parte del, e son unha das 17 asociacións que o conforman.
Obxectivos concretos do convenio
Os e as profesionais do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol xa tiñan contacto no seu día a día con esta Asociación, e agora manteñen comunicación con estas voluntarias asignados e formadas especificamente para este programa. A Asociación Española contra o Cancro, tal e como se recolle tamén no texto do convenio, ten coma fin “loitar contra o cancro en tódalas posibles modalidades coñecidas, mediante actividades de divulgación, prevención, de información, e de carácter sanitario ou asistencial”.
Así que as actividades a desenvolver polos voluntarios son, entre outras, acompañamento ó paciente oncolóxico e ós seus familiares cando as condicións do paciente o faciliten e non exista impedimento por parte dos afectados; facilitar apoio ó coidador primario no seu descanso físico e emocional; apoio ó paciente e os seus familiares para facilitar a expresión de emocións asociadas co diagnóstico e o proceso de enfermidade; e actividades de animación e entretemento para facilitar a estadía da persoa enferma no hospital e a distracción con actividades de lecer. Pola súa banda, o centro hospitalario comprometíase a facilitar un espazo físico para emprego destes voluntarios. Este espazo emprazouse no Hospital de Día Oncolóxico, para realizar esas actividades de animación e entretemento; e facilitar a difusión do programa a través de folletos e carteis, nos lugares visibles para o usuario. O carriño Don Amable é un exemplo activo desta colaboración.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss