SANIDADE CONTINUARÁ CO SEGUEMENTO DAS PERSOAS EXPOSTAS AO LINDANO EN PORRIÑO, AÍNDA QUE NON SE DETECTARON NIVEIS PREOCUPANTES PARA A SÚA SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
01 04 2019

Representantes da Consellería de Sanidade encargáronse hoxe de trasladarlles ás persoas expostas ao lindano nas zonas de O Contrasto e A Pereira os resultados da segunda analítica de sangue realizada polo departamento de Química Analítica da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela. Esta segunda analítica realizouse en outubro do pasado ano, seis meses despois de terse feita a primeira.
 
Todas as actuacións levadas a cabo para manter informada puntualmente á poboación sobre os riscos potenciais da exposición ao lindano contan co respaldo dun equipo multidisciplinar no que, ademais dos técnicos de Saúde Pública, participan expertos clínicos e toxicolóxicos.
 
Na primeira analítica de marzo de 2018 participaron 82 veciños. Na segunda, levada a cabo en outubro do mesmo ano, participaron 76, das que o 79%, é dicir, 60 persoas, a realizaron tamén en marzo. Detectáronse niveis dos isómeros alfa e beta (os relacionados cos residuos da produción de lindano) en 62 casos. En conxunto, hai unha diminución dos valores máis altos detectados na analítica do mes de marzo.
 
Os expertos non consideran que se se trate de niveis especialmente elevados. Os parámetros, na súa maior parte, son semellantes aos atopados en estudos previos realizados, tanto na poboación xeral como en traballadores que non estiveron expostos especificamente a este tipo de produtos, e non se relacionaron con consecuencias relevantes para a súa saúde.
 
Debido á lenta eliminación do organismo destes isómeros o departamento sanitario galego propúxolles hoxe aos veciños realizar unha nova analítica para dentro dun ano.
 
Recomendacións
Tendo en conta que a presenza destes isómeros no organismo débese principalmente á dieta, é polo que se manteñen as recomendacións de non consumir nin usar (para cociñar, aseo, rego de horta, etc...) a agua dos pozos, regatos ou fontes da zona. Tampouco se recomenda consumir produtos da horta, especialmente tubérculos, cultivados en terreos contaminados ou regados con auga da que non se pode desbotar que estea contaminada.

 

Na reunión participaron o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz Ares, a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, Ánxeles Feijóo, o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, e o xefe do servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra, Miguel Álvarez Deza.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss