Almuiña lembrou no Parlamento o compromiso acadado en mesa sectorial que levou á desconvocatoria da folga de primaria
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 04 2019
​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, lembrou hoxe no Parlamento o compromiso acadado en Mesa sectorial que levou á desconvocatoria da folga de atención primaria prevista para esta semana e que se concreta nunha serie de medidas como o compromiso da convocatoria da Mesa sectorial o 26 de abril.
 
Ademais, o conselleiro incidiu nos compromisos laborais acadados tales como a convocatoria inmediata da OPE de categorías específicas de atención primaria, a dotación de novas prazas, melloras no nomeamento de continuidade e solucións  ao conflito dos PAC. Almuiña fixo tamén mención á constitución do consello técnico, para as cuestións de carácter asistencial e organizativas e a un  incremento orzamentario para as medidas previstas.
 

Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade referiuse ao actual modelo organizativo de atención primaria como un modelo de éxito, ao ter experimentado melloras importantes, tanto na capacidade diagnóstica como na capacidade de resolución. Unha afirmación que avalou cos datos do último balance de actividade do Sergas e do Barómetro sanitario do Ministerio. Aínda así, Almuiña afirmou que “Galicia da un paso adiante para seguir na vangarda e tomamos medidas para evolucionar”.

Segundo dixo o titular de Sanidade estas medidas, terán o seu reflexo no novo Plan galego de atención primaria. Un plan que, para Almuiña “mostra a implicación e o empeño do Goberno de Galicia na mellora da atención primaria no menor tempo posible. Un plan con propostas concretas a curto, medio e longo prazo cos seus indicadores para poder facer un seguimento e avaliar resultados”e que conta co apoio dos colectivos que participaron no grupos de traballo.
 
O conselleiro comparou o Plan galego de atención primaria coa Proposta metodolóxica para a análise do marco estratéxico para atención primaria do Ministerio. Almuiña lembrou que, malia ter puntos en común, o modelo galego inclúe aspectos a maiores como una liña estratéxica de creación de equipos de atención primaria no que se  definan novos roles, a mellor xestión da demanda non programada ou urxente ea dispoñibilidade dun plan de necesidades adecuado á carteira de servizos de cada centro.
 

Tamén destacou o conselleiro de Sanidade que o documento do Sistema Nacional de Saúde recolle aspectos nos que o Sergas  vai moi por diante do resto do Estado e que as medidas do Plan galego de atención primaria contarán co financiamento necesario para poder facelas efectivas.

Barómetro sanitario
O conselleiro compartiu no Parlamento os datos referidos ao Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, correspondente ao ano 2018.
 
Segundo se recolle neste documento, a atención primaria é o servizo mellor valorado pola cidadanía galega, acadando unha puntuación de 7,47 sobre 10, mentres que no conxunto do Sistema Nacional de Saúde é de 7,31. Mención especial merece o nivel de confianza e a seguridade que transmite o persoal médico , cun 7,70 e a enfermería cun 7,57.

Os datos do barómetro tamén reflexan que a poboación de Galicia puntúa cun 7,60 os coidados e a atención recibida polos médicos de atención primaria, e cun 7,61 os do  persoal de enfermería deste mesmo nivel asistencial.

En canto ás persoas que acudiron a un centro de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, nun 88,10% dos casos, valoraron a atención recibida como boa ou moi boa.

Cómpre subliñar que o 67% dos pacientes foron atendidos no mesmo día ou o seguinte,  mentres que no conxunto do Sistema Nacional de Saúde a porcentaxe descende ata o 47%- En Galicia, á espera media é de 2,6 días, mentras que na totalidade de España sitúase en máis de 4.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss