Almuiña destaca que o plan de saúde mental de Galicia promoverá a autonomía das persoas con trastornos mentais
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 04 2019
​O Plan de Saúde Mental de Galicia que está a elaborar o Sergas, promoverá entre as súas medidas intervencións centradas na promoción da autonomía das persoas con trastornos mentais. Así o adiantou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Parlamento. Tamén avanzou outras medidas do plan como a potenciación do enfoque comunitario como modelo asistencial, a coordinación con atención primaria e a intensificación da atención sanitaria prestada, especialmente aos colectivos máis vulnerables (menores, persoas en risco psicosocial, mulleres e poboación psicoxeriátrica), e as patoloxías máis graves e prevalentes.
 
“Afondaremos en medidas para asegurar aos doentes e ao seu entorno familiar e os coidados a atención axeitada en tempo e forma e o seu retorno á comunidade”, dixo o titular de Sanidade, engadindo que o departamento sanitario ven traballando nesta cuestión nos últimos anos, incrementando os recursos de apoio comunitario e desenvolvendo novos modelos de atención comunitaria.
 
Na elaboración do Plan de Saúde Mental, Sanidade contou con todos os axentes (pacientes, familiares, profesionais, asociacións profesionais e outras administracións públicas implicadas) ao obxecto de conseguir sinerxías que permitan previr a aparición da enfermidade, mellorar a atención sanitaria e diminuír a repercusión que o padecemento dun trastorno mental representa na vida das persoas e a súa contorna.
 
Tamén levouse a cabo unha enquisa dirixida aos profesionais e ás asociacións de persoas afectadas por trastornos mentais e púxose en marcha un proceso de consulta a grupos de expertos. A través da enquisa constatouse a necesidade de mellorar a atención no ámbito de atención primaria, desenvolver recursos para a atención infanto- xuvenil e potenciar a investigación neste campo. Actualmente, o departamento sanitario está a concretar as medidas que recollerá o devandito plan.
 
Especialización do persoal
O conselleiro asegurou que Galicia aposta pola especialización do persoal e lembrou que o Sergas foi pioneiro en crear a categoría de enfermería especialista, que inclúe, entre outras, a de saúde mental. No seo da implantación desta nova categoría publicouse recentemente no DOG a resolución do concurso específico que permitíu a vinculación, no conxunto das áreas sanitarias, de 85 profesionais especialistas en saúde mental.
 
Tras subliñar que as unidades de saúde mental son o recurso dende o que se realizan as accións preventivas e asistencias, Almuiña asegurou que todas as xerencias das áreas sanitarias dispoñen dunha unidade de saúde mental para a atención infanto-xuvenil, tras a dotación en marzo do 2018 á área de Ferrol dun destes dispositivo. Tamén avanzou que se está a traballar nunha nova unidade de hospitalización infanto-xuvenil no Hospital Álvaro Cunqueiro.
 
Accións asistenciais
Ao longo do pasado ano, o Sergas incrementou o financiamento para a reserva e uso de prazas nos dispositivos de apoio comunitario para o tratamento de persoas con trastornos mentais crónicos, e aumentou o número de prazas dispoñibles nos diferentes tipos de dispositivos. Neste senso, financiouse un novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral en Ordes con 30 novas prazas, e a posta en marcha dun piso protexido en Pontevedra con 5 prazas, e incrementouse o número de prazas públicas nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral de Carballo e de Lugo. Tamén se puxo en marcha un programa de atención intensiva a persoas con primeiros episodios psicóticos (no centro de rehabilitación psicosocial de Vigo) e incrementouse o número de prazas en unidades residenciais ata concertar todas as prazas autorizadas vacantes.
 
Xunto ao anterior realizáronse proxectos para diminuír o estigma, incrementando a visibilidade das persoas que padecen un trastorno mental. Desenvolvéronse proxectos innovadores como Supera a túa depresión (a través do Telea) e Biblioterapia en saúde mental; e actualizouse a Guía de práctica clínica sobre a depresión maior na infancia e na adolescencia. Ademais, ao longo do pasado ano realizouse unha análise de 2 tecnoloxías emerxentes no ámbito da saúde mental, o E-motional training (un programa online de rehabilitación da cognición social) e o Modelo INDI, para a mellora da abordaxe da depresión en atención primaria, entre outras accións.
 
O Sergas tamén colabora e subvenciona a entidades con programas de apoio social a nenos con problemas psicosociais, trastornos do espectro autista e de alimentación. E, en materia de adiccións, o orzamento destinado a programas de prevención, asistencia sanitaria e incorporación social incrementouse nun 14%, superando os 11 millóns.  Finalmente, Almuiña indicou que o Sergas está no proceso de completar a estrutura organizativa coa dotación de novos recursos de hospitalización de día, hospitalización de agudos de nenos e adolescentes, e equipos de intervención comunitaria.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss