UNHA DOCENCIA ACHEGADA, TRANSVERSAL E FAMILIAR, ASÍ A DESCRIBIRON OS ACTUAIS RESIDENTES NAS XORNADAS DE PORTAS ABERTAS DA ÁREA SANITARIA FERROLÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 04 2019

Os e as residentes que se están a formar xa nos centros acreditados para a docencia na Xerencia Integrada de Ferrol contábanlle esta mañá a futuros residentes as vantaxes de escoller a área sanitaria ferrolá para se formar. Todos coincidían en que é unha formación moi achegada e familiar, cun enorme compoñente práctico e onde se fai partícipe ó propio alumno do seu itinerario formativo. Profesionais da Xerencia, titores, residentes actuais e os posibles futuros residentes reuníronse esta mañá no salón de actos do Hospital nesta primeira Xornada de Portas Abertas, e, tamén recorreron os distintos espazos dos centros, nos que, se así o deciden, farán a súa residencia.
 

Na Xerencia Integrada de Ferrol existe unha ampla e variada oferta docente de postgrao, de grao, de formación profesional, estancias formativas, Erasmus, Master e estancias doutras universidades europeas e americana. Son 18 especialidades acreditadas, para a formación de residentes, coa última incorporación de Dixestivo; un total de 88 residentes actualmente en formación, 50 alumnos de medicina, 300 alumnos de Enfermaría, 45 de ciclos formativos e 40 alumnos con convenios internacionais. Ademais, destacábase na xornada de portas abertas desta mañá que existe un plan formativo con máis de 200 cursos que se actualizan cada ano dependendo das peticións dos propios profesionais.
 

Estes alumnos de distintos ámbitos son coordinados e supervisados por 42 titores e os correspondentes colaboradores docentes, que algúns deles tamén estaban presentes hoxe. O responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, díxolle ós posibles futuros alumnos que “é unha área nova con moita iniciativa para pór en práctica o aprendido”, e que “haberá proximidade tanto cos profesionais como cos pacientes”; a directora de Procesos de Soporte, Fernanda López Crecente, destacou “o trato humano e que é unha área que potencia as rotacións externas”; o presidente da Comisión de Docencia no ámbito hospitalario, Ramón López de los Reyes, incidiu en que “é unha área que ten abertas as portas os 365 días do ano, con xente moi implicada na docencia, e con moita práctica, e con interacción con titores e residentes”.
 

A presidenta da Comisión de Docencia da Atención Familiar e Comunitaria, Portal González Lorenzo, fixo referencia a “unha relación que vai máis alá da docencia”, a “unha área con ganas de crecer, e con comunicación inmediata”. Marisa Fraga Sampedro, como presidenta da Subcomisión de Enfermaría Familiar e Comunitaria, remarcou “a implicación dos titores e a flexibilidade no itinerario formativo, e o traballo no ámbito comunitario”; e, por último, un dos titores, o de residentes de Enfermería Obstétrico Xinecolóxica (matrona), Alberto López Serantes enfatizou que “os que decidades escoller esta área ídevos ver moi apoiados”. Case tódalas persoas que interviron esta mañá formáronse xa aquí e por iso aconsellan facelo.
 

Un vídeo recollía a experiencia de residentes na área onde se destaca o achegamento ó ámbito tanto rural como urbano, a formación no ámbito comunitario, a integración, a multidisciplinariedade, a formación personalizada e familiar, e a facilidade para asistir a cursos e para as rotacións externas. Xunto con isto destacouse tamén que é unha formación orientada ó alumno, transversal e práctica, con ilusión e innovación, e que incorpora a simulación como ferramenta de aprendizaxe.
 

Chanzos na Docencia e a formación da área ferrolá
A área sanitaria ferrolá creaba a súa Comisión de Docencia no ano 1978, e incorporábanse os primeiros 12 residentes nas especialidades hospitalarias. No ano 1992, recoñecíase o primeiro centro de saúde docente, Serantes. Hoxe están tamén acreditados para a docencia os centros de saúde Fontenla Maristany e Caranza, en Ferrol, e o de Narón. No ano 1994 constituíase a Comisión de Docencia para a Enfermaría. No ano 1995, prodúcense as primeiras prácticas de Formación Profesional. No ano 2006, créase a Unidade de Formación; no ano 2012, recoñécese como Universitario o Complexo Hospitalario de Ferrol; e no ano 2013, actívanse as Aulas de Simulación, as primeiras xunto con Coruña en se crear.
 

Ademais, a Xerencia ferrolá foi tamén xunto coa da Coruña a primeira en formar ós primeiros especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria de Galicia. Ós anos de formación académica dos e das profesionais de Enfermaría, engádense estes dous anos máis de especialización, nos que, afondan en tódolos ámbitos relacionados coa atención sanitaria no ámbito familiar e comunitario, tendo asignado un titor que seguirá a súa aprendizaxe. Por outra banda, os profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol tamén forman a alumnos e alumnas da terceira promoción de alumnos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que realizan toda a súa rotación de prácticas na área sanitaria ferrolá.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss