A Consellería de Sanidade e catro servizos de hospitais do Sergas reciben o premio Best in Class
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 04 2019

A Consellería de Sanidade, polo mellor plan de saúde pública nas comunidades autónomas; o Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; a unidade de Enfermidades Infecciosas Pediátricas e o Servizo de Nefroloxía do centro hospitalario santiagués; así como a Unidade de Psoriase do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, recibiron hoxe a placa que os distingue como galardonados nos premios Best in Class.

Tamén foi recoñecido con diploma o traballo de diversos servizos ou unidades do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; así como da Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte; e da Xerencia de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
 
O acto contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen remarcou que “estamos a traballar para que o noso sistema sanitario responda ás necesidades dos pacientes, coidándoos e prestándolles a mellor asistencia posible. Coidamos, tamén, aos nosos profesionais, melloramos as infraestruturas e a tecnoloxía, e temos en marcha multitude de iniciativas de humanización”.
 
Almuiña incidiu en que “temos unha sanidade innovadora, que investiga, que forma magníficos profesionais; que aposta pola prevención de enfermidades e pola promoción da saúde a través da educación en hábitos saudables e, sobre todo, unha sanidade na que o paciente está presente en todas as nosas decisións e actuacións”.
 
Actos como o de hoxe son, -segundo o conselleiro-, “unha boa forma de distinguir aos excelentes profesionais cos que contamos e co seu bo facer contribúen á mellora da nosa sanidade”.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss