O 061 de Galicia pídelles aos condutores precaución durante os desprazamentos nas datas festivas da Semana Santa
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
17 04 2019

​Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, pídelles aos condutores precaución nas estradas ante o inicio, mañá xoves, das vacacións de Semana Santa, nas que se prevé un notable incremento no número de desprazamentos por estrada ata o vindeiro domingo 21 de abril.

Cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade. En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante, e en segundo, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.
 
Cómpre lembrar a importancia de ter descargada a  App de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no móbil ou na tableta. As chamadas que se realicen a través desta App enviarán a posición exacta xeolocalizada do accidentado. Isto é fundamental no caso dos accidentes de tráfico onde a zona poida resultar descoñecida para a persoa que dá a alerta ou onde os enderezos sexan complicados de indicar. Ademais da localización, a App de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 permitirá a recuperación dos datos do paciente e da súa historia clínica se é o propio paciente o que chama desde o seu teléfono e ten activada esta funcionalidade.
 
Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico debe tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberá poñer roupa reflectora ou rechamante, pero nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente 50 metros, como mínimo,  antes e despois do lugar no que ocorreu.
 
Outra das medidas que se deberán realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros.
 
O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.
 
Balance Semana Santa 2018
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa do pasado ano a un total de 108 persoas debido a 82 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do mércores, 28 de marzo, ata as 23:59 horas do domingo, 1 de abril de 2018. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o venres con 25 accidentes.
 
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 107 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 82 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 108 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 65 e do 35 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 30,5 % dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.
 
Por provincias, foi A Coruña a que rexistrou máis accidentes con 37 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
 
Provincia
Accidentes
A Coruña
37
Lugo
11
Ourense
8
Pontevedra
26
Galicia
82
 
En 92 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 15 persoas foron asistidas no lugar do sinistro e non trasladados e unha persoa faleceu no lugar do accidente. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss