ADOS e o Concello de Melide promoven unha campaña conxunta de doazón de sangue co gallo da celebración da XXVIII Festa do Melindre
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 04 2019

​A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) promove, en colaboración co Concello de Melide, unha nova campaña de doazón de sangue neste municipio coruñés o venres 26 e o sábado 27 de abril, coa peculiaridade de que todos os cidadáns que acudan a doar recibirán un obsequio co gallo da próxima celebración da XXVIII Festa do Melindre deste municipio coruñés.

Todas as persoas que se acheguen a doar ata a unidade móbil situada no Cantón de San Roque en horario das 10 ás 14 e das 16 ás 21 horas do venres 26 e das 10 ás 15 do sábado 27, recibirán, a cortesía do Concello de Melide, entidade responsable da organización da XXVIII Festa do Melindre, un agasallo consistente nun paquete destes tradicionais doces.
 
Idéntico agasallo recibirán as persoas que se acheguen ata as unidades móbiles localizadas na Avenida da Mahía, en Bertamiráns (Ames) o xoves 25 e o venres 26 en horario de tarde; na Ronda de Outeiro (A Coruña) o venres en horario de tarde e o sábado en horario de mañá; e na zona da Herrería en Pontevedra, o venres en horario de mañá e tarde e o sábado en horario de mañá.
 
Deste xeito, o Concello de Melide agasalla aos doadores e doadoras, ao tempo que promove a difusión da XXVIII edición da Festa do Melindre e da Repostería Terra de Melide que terá lugar no municipio coruñés os vindeiros 11 e 12 de maio.
 
Elevada participación
O municipio coruñés de Melide é un dos concellos con maior taxa de doazón, rexistrando 83 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, o que supón acadar unha cifra de 615 doazóns de sangue anuais. Este índice de doazón duplica a media galega e reflexa o carácter solidario e xeneroso dos veciños e veciñas de Melide.
 
Neste sentido, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere amosar o seu sincero agradecemento tanto á corporación municipal de Melide pola súa constante colaboración, recoñecemento que fai extensivo á organización da Festa do Melindre e a todos os veciños e veciñas deste concello coruñés que, co xeneroso xesto que supón realizar unha doazón de sangue, contribúen ao desenvolvemento do intenso labor asistencial dos nosos centros sanitarios.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss