SANIDADE ACORDA A CONSTITUCIÓN DO CONSELLO TÉCNICO DE ATENCIÓN PRIMARIA NA PRIMEIRA QUINCENA DE MAIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 04 2019
 

​A constitución do Consello Técnico de Atención Primaria realizarase o vindeiro día 14 de maio, ratificando así o compromiso adquirido de facelo na primeira quincena de maio. Así o acordaron representantes do Sergas e os sindicatos CIG, CESM-O´Mega, CCOO, UGT, CSIF e SATSE esta mañá durante a mesa sectorial extraordinaria convocada en cumprimento do acordo acadado no ámbito de Atención Primaria o pasado 8 de abril. O Consello Técnico, cun carácter permanente, realizará funcións en relación con aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria dende unha visión multidisciplinar.

Outro dos asuntos abordados hoxe foi a aprobación onte no Consello da Xunta do anteproxecto de Lei de reforzo de actuacións prioritarias, que permitirá utilizar o 100% do superávit contable de 2018. Neste incremento de gasto inlúense 3,5 millóns de euros que irán destinados este ano a aumentar de forma estable o persoal naqueles centros de saúde que requiran accións inmediatas. Ratifícase así o esforzo e o compromiso do Goberno Galego coa sanidade pública, en xeral, e para coa atención primaria, en particular.

A incorporación das novas prazas neste exercicio e aquelas outras a dotar nos dous vindeiros anos (2020 e 2021) serán abordados nunha próxima mesa sectorial, ao obxecto de diminuír as ratios actuais de paciente por profesional. Ademais do aumento de prazas de persoal, este incremento de gasto permite a mellora das dotacións de equipamento dos centros de atención primaria e un plan de construción, ampliacións e melloras de 19 centros de saúde.

Na mesa abordáronse tamén acordos xa acadados como a convocatoria inmediata dun total de 528 prazas en categorías de atención primaria. As 528 prazas distribúense nas categorías de medicina de familia (254 prazas), pediatría (93), odontoloxía (7), persoal especialista en enfermería familiar e comunitaria (30) e persoal especialista en pediatría (18 prazas); ademais das 126 da recente publicación da convocatoria de persoal de servizos xerais, permitirá acadar maiores tasas de estabilidade no ámbito da atención primaria.

Asimesmo, na mesa negociáronse as convocatorias da OPE das categorías das restantes especialidades de enfermería (121 prazas), fisioterapeuta (71 prazas) e técnico en coidados auxiliares de enfermería (772 prazas) para o reforzo tanto da atención primaria como da atención hospitalaria. En total, convocaranse 1.492 prazas.

Así mesmo, concretouse a convocatoria de nova mesa sectorial extraordinaria o vindeiro 3 de maio para continuar avanzando na dotación de prazas e na mellora do modelo de nomeamento estatutario eventual de continuidade.

O Sergas tamén trasladou aos representantes sindicais o cumprimento da oferta da nova proposta mellorada para os PACs, presentada ao comité de folga na reunión mantida o pasado martes.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss