O Sergas destina 1,5 millóns de euros para programas terapéuticos de adiccións e de saúde mental infanto-xuvenil
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
29 04 2019

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu hoxe a sinatura dos convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e as organizacións sen ánimo de lucro, Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home), Asociación Cruz Vermella e a Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais (Aspaneps), por un importe total de 1.562.978 euros.

A sinatura dos convenios correu a cargo do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e do presidente de Cruz Vermella, Luis Abelleira Mayor; do director de Proxecto Home, Ramón Gómez Crespo; e da presidenta de Aspaneps, María Elena Rodríguez Seoane.
 
Obxectivos
A Fundación Monte do Gozo e o Sergas establecen un convenio de colaboración no que a Administración sanitaria vai destinar un importe de 860.535 euros para o desenvolvemento de dous programas. Un primeiro, terapéutico-educativo de atención e rehabilitación de drogodependentes, e un segundo destinado ao tratamento e rehabilitación, en réxime de comunidade terapéutica, da dependencia alcohólica.
A través do convenio de colaboración co Sergas, Cruz Vermella de Lugo recibirá 561.273 euros para realizar a atención integral aos pacientes con trastornos aditivos e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Sergas.
 
Esta atención realizarase na súa respectiva área de influencia que comprende os concellos de Baralla, Outeiro de Rei, Guitiriz, Becerreá, Portomarín, Muras, Cervantes, Rábade, A Pastoriza, Navia de Suarna, O Incio, Vilalba, As Nogais,  Láncara, Xermade, Pedrafita do Cebreiro, Paradela, Antas de Ulla, Baleira, O Páramo, Monterroso, A Fonsagrada, Samos, Palas de Rei, Negueira de Muñiz, Sarria, Meira, Castroverde, Triacastela, Pol, O Corgo, Abadín, Ribeira de Piquín, Friol, Begonte, Riotorto, Guntín, Castro de Rei, A Pontenova, Lugo, Cospeito e Taboada.
 

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña establece, tamén, un convenio de colaboración coa Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais (Aspaneps), para a realización do programa denominado “Atención e enlace para a promoción, tratamento e rehabilitación en saúde mental infanto-xuvenil”, na Área de Xestión Integrada de Ferrol. A dotación económica deste convenio é de 141.170 euros.
Con esta actuación, o Sergas busca ofrecer unha atención aos colectivos de maior vulnerabilidade, como é o caso dos menores con problemas de saúde mental infanto xuvenil e ofrecer apoio aos seus proxenitores, a través dos programas psicoeducativos e preventivos.

O obxectivo xeral do programa é apoiar, orientar, e asesorar a menores que teñen dificultades que poñen en risco o seu benestar persoal e a súa integración social, así como ás súas familias e a outros axentes sociais. Isto se consigue a través de estratexias de promoción, prevención, asistencia psicosocial e rehabilitación que garantan unha saúde mental integral.
 

O programa de enlace e coordinación xurde da análise das necesidades psicosociais da área de Ferrol, sendo a mesma pioneira en dispor dun programa específico que dea resposta a estas necesidades e incorpora programas para colectivos como é o do trastorno do espectro autista.

Sinalar que o equipo asistencial da entidade vén participando nas reunións de coordinación para o deseño do novo programa así como nos equipos de expertos constituídos para a realización do vindeiro Plan Estratéxico de Saúde Mental. Os programas financiados por este convenio iniciáronse en abril do pasado ano, logo da posta en marcha da unidade de saúde mental de Ferrol, como complemento da mesma e ampliando as prestacións nesta área.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss