Sanidade elaborará unha guía co obxectivo de homoxeneizar a atención de fisioterapia en toda Galicia
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
30 04 2019
A Consellería de Sanidade elaborará e implementará unha Guía de Actuacións de Fisioterapia en Atención Primaria en colaboración cos profesionais. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Pleno do Parlamento de Galicia onde asegurou que esta actuación é unha das propostas a medio prazo recollidas no documento do Plan de Mellora de Atención Primaria.
 
Almuiña afirmou que “agardamos que no vindeiro mes de maio, poidamos iniciar a conformación do grupo de traballo que defina un documento común para todo o Servizo Galego de Saúde que homoxeneíce a atención á fisioterapia en toda a Comunidade”. Neste senso tamén avanzou que cando estea finalizada farase a súa distribución entre todos os profesionais das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
 
O conselleiro de Sanidade destacou que “en Galicia a fisioterapia leva incorporada nos centros de atención primaria dende os anos 90” fronte a situación noutras comunidades autónomas. Así, Almuiña afirmou que no País Vasco, na estratexia de atención primaria que aprobaron recentemente teñen como obxectivo para 2019 a consolidación da fisioterapia nun total de tres centros de saúde coa creación de 6 prazas neste ano, e oito máis en 2020.
 
Actualmente, na nosa comunidade “contamos con 124 profesionais de fisioterapia nas unidades de atención primaria distribuídas en todas as áreas de saúde”, afirmou Almuiña, que tamén destacou que nas últimas OPES ofertáronse un total de 71 prazas desta especialidade.
 
Respaldo dos profesionais
Os representantes e profesionais de fisioterapia ratificaron o pasado mes de marzo o seu apoio ás propostas incluídas no documento do Plan de Mellora de Atención Primaria. Este respaldo é froito do traballo conxunto desenvolvido nos distintos grupos de traballo nos que estiveron representados tanto a Sociedade Galega de Fisioterapia (SOGAFI), como o Colexio de Fisioterapia de Galicia (COFIGA), xunto cun representante de cada Área Sanitaria.
 
Almuiña lembra que Galicia foi pioneira dentro do Sistema Nacional de Saúde en  reformular o modelo de Atención Primaria e “outras comunidades autónomas queren coñecer noso modelo” salientou. Neste senso, sinalou que dende Sanidade “levamos tempo traballando en medidas de mellora que permitan que o modelo de atención primaria evolucione e dea resposta ás necesidades dos nosos cidadáns”.
 
Almuiña tamén destacou que se está a traballar nesta mellora a través dun proceso transparente e participativo. Así, o conselleiro de Sanidade afirmou que “as medidas a adoptar pasan inescusablemente pola participación de todos: as administracións públicas, os profesionais e a cidadanía, porque todos somos responsables de manter o que tanto tempo nos levou construír”.
 
Máis profesionais e melloras
A creación de novas prazas de fisioterapia en atención primaria no período 2019-2024 e a inclusión do profesional de fisioterapia como un membro máis do Equipo Básico de Atención Primaria son outros dos compromisos incluídos no Plan de Mellora.
 
Así mesmo, existirá un coordinador de Fisioterapia de Atención Primaria que disporá do tempo necesario, e a correspondente diminución da carga asistencial para desenvolver todas as tarefas relacionadas co seu cargo.
Ademais, mellorarase a historia clínica electrónica no ámbito da fisioterapia, co desenvolvemento de módulos que permitan un mellor desenvolvemento da actividade asistencial da fisioterapia.
 
Outro dos obxectivos propostos para a mellora da formación e docencia da categoría de fisioterapia, é o de incrementar a presenza da atención primaria durante a formación universitaria de fisioterapia. Para isto, solicitarase á Universidade o incremento do número de titores pregrao no Grao de fisioterapia. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss