PROFESIONAIS DE OFTALMOLOXÍA DO CHUF FÓRMANSE NA COLOCACIÓN DE LENTES REFRACTIVAS INTRAOCULARES DE ANCORAXE NO IRIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 05 2019

​​

Profesionais do Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol formábanse o pasado martes na colocación de lentes refractivas intraoculares de ancoraxe no iris, no Hospital Naval do Complexo. Normalmente, para o tratamento de substitución do cristalino, as lentes colócanse no saco do cristalino, pero cando o emprego deste saco non é posible porque se luxa, está lesionado ou roto, a lente refractiva intraocular ancórase no iris. Como non hai soporte capsular, van pinzadas no iris.
 

Esta técnica emprégase fundamentalmente en casos complexos de cataratas ou en traumatismos oculares, e entre outras cuestións. Xa se realiza no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol dende hai oito anos. Colócanse entre 20 e 30 lentes deste tipo a pacientes da área sanitaria ferrolá.
 

O pasado martes, ampliábase a formación na colocación destas lentes a facultativos do Servizo e residentes, que se reunían no Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Naval do Complexo para abordar esta técnica; e, posteriormente, nas aulas de simulación practicaban con microscopía e caretas con membranas oculares, que imitan o ollo.
 

Estes cursos son moi especializados polo que “é moi positivo que se faga un así no propio Complexo e para á totalidade de profesionais”, explica a responsable do Servizo, Dolores Álvarez Díaz. Trátase dunha “actualización desta emprego de lentes refractarias intraoculares que en lugar de ir no saco capsular van pinzadas no iris”.
 

Máis de 42.000 accións para a saúde ocular
O Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol realizou nun só ano un total de 42.048 accións para a saúde ocular. Foron un total de 26.925 consultas externas, durante o pasado ano 2018. Ademais, realizou un total de 1.665 cirurxías programadas, tan só 12 delas precisaron un ingreso hospitalario; e 49 cirurxías urxentes, só 7 delas precisaron estancia hospitalaria. A estas cifras hai que sumar as 2.683 urxencias oftalmolóxicas ás que deron resposta, durante o pasado ano 2018.
 

Por outra banda, hai que engadir máis de 6.387 atencións de actividade complementaria, como a aplicación de medicación intravítrea, que require unhas especiais condicións para aplicar a medicación directamente na vítrea; a aplicación do láser en diversas patoloxías; as anxiografías, estudo dos vasos sanguíneos; e as campimetrías, para o estudo das alteracións do campo visual. A esta actividade engádense as 4.339 teleconsultas.
 

No Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol traballan un total de 14 especialistas en Oftalmoloxía, 8 profesionais de Enfermaría, e 2 profesionais que realizan tarefas administrativas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss