O SERGAS PACTA UN INCREMENTO DE 308 NOVAS PRAZAS EN ATENCIÓN PRIMARIA PARA REDUCIR O NÚMERO DE PACIENTES POR PROFESIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 05 2019
 

​O Servizo Galego de Saúde acordou un incremento de 308 novas prazas para atención primaria co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por profesional. Sanidade continúa así cumprindo os compromisos acadados no ámbito de Atención Primaria do pasado 8 de abril. Esta medida contou co apoio dos sindicatos CESM, CSIF, UGT e SATSE na mesa sectorial extraordinaria celebrada esta mañá.

O departamento sanitario galego acordou dotar, no período 2019-2021, un total de 80 prazas de medicina de familia, 20 de pediatría, 4 de farmacia de primaria, 130 de enfermería, 40 de fisioterapia, 20 de matrona e 14 de traballador social.
 
Na mesa sectorial desta mañá tamén se adoptaron diversas melloras para os profesionais contratados co novo modelo de nomeamento de persoal estatutario de continuidade. Este tipo de contrato é unha nova modalidade contractual -aprobada en mesa sectorial o pasado 15 de xaneiro- para vínculos temporais do persoal médico de familia e pediatras de atención primaria do Sergas, que prevé contratos cun mínimo dun ano de duración e tres anos de máximo.
 
Neste sentido, o persoal de medicina de familia con nomeamento eventual de continuidade que realice unha garda de, alomenos 17 horas nun Punto de Atención Continuada, terá dereito á libranza ordinaria inmediata que se inicie o mesmo día. Tamén procederase á fixación dun 80% da programación mensual de traballo deste persoal, mellorando a porcentaxe do 60% actual. Asemade, procurarase a equidade na distribución das gardas en sábado, domingo e festivo.

 

Este novo contrato persegue unha maior estabilidade do persoal o que redundará, sen dúbida, nunha mellor atención sanitaria e nunha maior fidelización dos recursos humanos dispoñibles. Os profesionais tamén melloran en igualdade de dereitos tales como vacacións, permisos, descansos e xornada, e en igualdade de retribucións, con complemento de produtividade fixo e variable.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss