“O NÚMERO DE ENFERMOS CRÓNICOS QUE É POSIBLE QUE PRECISEN COIDADOS PALIATIVOS Ó FINAL DA VIDA É CADA VEZ MAIOR”, AFIRMAN NAS PRIMEIRAS XORNADAS DE ATENCIÓN PALIATIVA EN RESIDENCIAS SOCIOSANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 05 2019

 

 
   “O número de enfermos crónicos que é posible que precisen coidados paliativos ó final da vida é cada vez maior”, esta é unha das cuestións clave que se aborda hoxe nas Primeiras Xornadas de Atención Paliativa en Residencias Sociosanitarias, organizadas pola Unidade de Coidados Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e que reúne hoxe a máis de medio centenar de profesionais na Fundación Abanca de Ferrol. Profesionais relacionados coa atención paliativa na área sanitaria de Ferrol saen á comunidade á compartir a súa experiencia para mellorar a atención do enfermo crónico. Este tipo de xornada é a primeira con estas características que se fai en Galicia, remarcan dende a organización.
Como indica o responsable desta Unidade de Coidados Paliativos, o especialista Marcelino Mosquera Pena, por unha banda “hai ó redor de 800 pacientes en residencias sociosanitarias do noso entorno máis directo e cos que se está a traballar xa con algún programa, e, moitos deles, poderán chegar a ser pacientes con enfermidade crónica avanzada”; e, por outra banda, “a nosa Unidade ten ampla experiencia neste eido co que os nosos profesionais poden colaborar cos profesionais destes centros para favorecer a asistencia”.
De feito, o obxectivo da organización é que este encontro sexa “nexo de unión entre os axentes implicados nos coidados paliativos, un punto de encontro e información sobre terapias e avances aplicables polos profesionais neste eido e que conxugue conferencias, coloquios e talleres”. Os organizadores destacan como obxecto reitor para este encontro a “propia concepción dos coidados paliativos cun contido global, activo e vivo da concepción terapéutica, que comprende tanto aspectos físicos, como emocionais, sociais e espirituais, para o logro do benestar e a promoción da dignidade e a autonomía dos enfermos e a súa familia”.
 
Formación en Atención Paliativa
O encontro arrancaba esta mañá coa inauguración na que estaban presentes tamén xunto co especialista organizador, Marcelino Mosquera, o responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; e o director de Enfermería da Xerencia Integrada de Ferrol, Luis Arantón Areosa. A intencionalidade do encontro, explicaban, é promover educación sanitaria sobre os coidados paliativos; tratar as síntomas provocadas polas enfermidades crónicas avanzadas en colaboración conxunta co persoal dos centros sociosanitarios; brindar apoio ós profesionais deste sector; a limitación do esforzo terapéutico cando sexa necesario neste tipo de enfermos; e procurar que os pacientes poidan pasar os seus últimos na súa residencia habitual.
A Mesa sobre o Control de Síntomas, “recolle as máis habituais, que aínda que parezan pouco importantes a súa abordaxe é clave para a calidade na atención”, explican dende a organización. Abríase esta mesa coa intervención da especialista de Medicina Interna do CHUF, Rocío Vázquez Vigo, sobre a síndrome da anorexia-caquexia. Sobre a axitación, falaba a enfermeira do Punto de Atención Continuada de Narón, Marisa Freire Rivas. A farmacéutica hospitalaria, Laura López Sandomingo, aborda a disnea; e a enfermeira xestora de casos da Unidade de Coidados Paliativos, Carmen Riveira Fraga, o estreñimento, as náuseas e os vómitos.
No que se refire á Mesa de Toma de Decisións, destacan que “moitas veces ós pacientes non se lles pregunta, a pesar de estar cognitivamente ben, que queren facer nos seus últimos días”. Por iso escolléronse para tratar cuestións como a intervención do psicólogo clínico da Unidade de Paliativos do CHUF, Amador Estévez Serantes, sobre a toma de decisións e a súa importancia; a documentación das instrucións previas, que afrontará a supervisora da mesma Unidade, Flor López Aneiros; e a espiritualidade, da que falará o asesor espiritual desta mesma unidade , Francisco Delgado Lorenzo.
“Dunha das grandes lacras do século XXI, a dor”, subliñan, ocúpase a terceira das mesas. Unha boa atención paliativa é paralela a un mellor tratamento e diminución da dor, explican. O responsable da Unidade, Marcelino Mosquera fala sobre a Abordaxe da dor, traballo multidisciplinar e historia clínica compartida. Coa Dor nas Unidades de Coidados Paliativos, participa o enfermeiro da Unidade, Pedro Ausín Loubón; e sobre as terapias farmacolóxicas da dor e como optimizalas, afonda a farmacéutica da Unidade, Beatriz Salazar Laya. Pola tarde, os coidados básicos, a vía subcutánea, o acompañamento, e o tratamento das úlceras por presión e tumorais protagonizarán os talleres.
Coidados paliativos na Xerencia Integrada de Ferrol
As Unidades de Coidados Paliativos son os dispositivos que se encargan de prestar este tipo de coidados en pacientes con enfermidades oncolóxicas e outras de carácter progresivo, e cun estadio avanzado, nas que a prioridade é proporcionar coidados físicos, psíquicos e sociais ó paciente e á súa familia. Trátase de procurar en todo momento a equidade na prestación dos servizos; a mellora na accesibilidade ós mesmos; unha atención interdisciplinar; e o respecto escrupuloso á autonomía e á dignidade das persoas.
A Unidade de Coidados Paliativos da Xerencia Integrada de Ferrol emprázase no primeiro andar do bloque B do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario. Consta de 10 camas, en cuartos individuais, habilitadas con sofá cama e baño asistido. Os espazos están  distribuídos de xeito que os servizos xerais quedan na parte central e as habitacións abertas ás fachadas, incrementando a comodidade tanto para pacientes e familiares, como para os propios profesionais. Esta Unidade funciona na área sanitaria ferrolá dende o ano 2005. Inicia a súa actividade co obxectivo de facer unha abordaxe integral ós pacientes cunha enfermidade avanzada e buscar o seu benestar. Forman parte dela un facultativo, unha supervisora de Enfermería; e once profesionais de Enfermaría. Un equipo multidisciplinar no que tamén se inclúe un traballador social, psicólogo e farmacéutica que completan a atención neste eido.
Ademais, a área sanitaria ferrolá conta tamén cun Comité Técnico de Coidados Paliativos, formado por dez membros de diferentes especialidades e categorías, tanto do Complexo Hospitalario Universitario como dos centros de saúde, e relacionados cos coidados paliativos. Apostan polo proxecto que agrupa os Coidados Paliativos, a Hospitalización a Domicilio (HADO), a atención ós Crónicos, e o Hospital de Día Médico. O obxectivo deste Comité é “que estes dispositivos traballen en equipo e cunha estreita relación, sobre todo coa atención primaria, para que os profesionais dispoñan dunha atención máis rápida e eficaz” que beneficie ós seus pacientes. Colaboran no asesoramento e promoción dentro da área sanitaria do coidado paliativo; de implicar ós profesionais no que é o é este tipo de coidado, e ata onde se pode chegar co paciente e a súa familia.
Lembrar que, no ámbito da hospitalización, prodúcense en torno a 350 ingresos ó ano nesta Unidade de Coidados Paliativos e está activa unha Consulta de Coidados Paliativos que “facilita ó paciente o contacto coa Unidade”. Esta consulta amplía o campo de acción a aqueles pacientes que poden aínda vivir no seu domicilio e desprazarse ata o hospital. Prodúcese tódolos días de luns a venres, e existe un número de atención telefónica co que contactar se é necesario. Realízanse en torno ás 1.000 consultas anuais.

 

Como indican dende estas xornadas, o perfil de paciente das Unidades é maioritariamente oncolóxico, pero está a avanzar considerablemente a atención paliativa nos pacientes non oncolóxicos, e é moi importante recoñecer as distintas etapas e procesos no deterioro. En xeral por cada paciente oncolóxico que precisa atención paliativa, hai tres non oncolóxicos susceptibles tamén de precisala.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss