CHUF E IES LEIXA COLABORAN NOVAMENTE NA DIVULGACIÓN DA IMPORTANCIA DA HIXIENE DE MANS, ESTA VEZ CON TEATRO MÍMICO COMO NOVIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
06 05 2019

O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e alumnado de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do Instituto de Ensinanza Secundaria de Leixa en Ferrol colaboran na divulgación da importancia da hixiene de mans para evitar infeccións, un ano máis, por mor do Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebraba onte 5 de maio. Esta mañá, repartiuse información acerca da importancia de manter unha correcta hixiene de mans; exhibíronse vídeos informativos orientando do correcto lavado de mans; repartíronse folletos resumo e solución hidroalcohólica; e pegáronse carteis cos cinco momentos básicos nesta hixiene, grafismo realizado tamén en colaboración co alumnado do primeiro curso de deseño de produtos editoriais impresos e multimedia IES Leixa, novidade deste ano.
 

Outro aspecto diferencial na celebración desta xornada de hoxe é o teatro mímico para abordar as accións incorrectas relacionadas coa hixiene de mans, e ofrecer, no seu lugar, as accións axeitadas, que representou o alumnado do IES Leixa, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide para todo aquel que quixera acudir. Están implicados nesta ficción profesionais de tódalas categorías profesionais. A colaboración entre o Complexo e o centro docente para destacar este día é unha constante nos últimos anos, con charlas informativas no Instituto, con visitas á Esterilización, e, nesta ocasión, con este proxecto que pon un ano máis en valor a relación entre os futuros profesionais e o centro no que se realiza a asistencia diaria.
 

Outras accións para evitar a propagación das infeccións
Así, en colaboración con profesionais de Enfermaría do Complexo, repartiron tamén información e material de limpeza por distintos ámbitos do centro hospitalario, corredor principal e andares, recordando que “está en mans dos profesionais previr a septicemia na atención sanitaria”. Nesta ocasión, aglutínase novamente o esforzo de diferentes departamentos do Complexo Hospitalario, como Calidade, Medicina Preventiva, Infecciosas, Esterilización, ou Formación co obxectivo único de concienciar sobre a importancia da hixiene de mans como barreira para a transmisión de bacterias, infeccións, en definitiva, enfermidade.
 

Xunto con isto, alumnado, poboación, e profesionais sanitarios e non sanitarios realizaron as manobras de hixiene coa solución hidroalcohólica; e cunha lámpada ultravioleta, axudáronlles a comprobar se o lavado se tiña feito de xeito correcto. Por último, os máis pequenos tamén participaron destes días dedicados ó lavado de mans; e, na Aula Hospitalaria do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Universitario, aprenderon a lavarse as mans correctamente a través de exercicios prácticos e de debuxos.
 

Cinco momentos no ámbito hospitalario
Os profesionais sanitarios están activamente comprometidos en evitar infeccións ou dano, realizando unha axeitada hixiene das mans nos cinco momentos recomendados durante a asistencia, e que figuran no cartel deseñado especialmente para esta ocasión. Estes cinco momentos son antes do contacto co paciente, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica; despois do risco de exposición a fluídos orgánicos; despois do contacto co paciente; e despois do contacto co entorno do paciente.
 

Enténdese por hixiene de mans un proceso que ten coma obxectivo reduci-lo número de microorganismos que hai na pel das mans. Cando o procedemento se realiza con auga e xabón, denomínase lavado de mans; e cando se realiza a base dun preparado de base alcohólica ou con xabón antiséptico, denomínase desinfección das mans. A hixiene de mans é a medida máis sinxela e eficaz que se pode realizar para reduci-la transmisión das infeccións relacionadas coa atención sanitaria; e para evitar a propagación das infeccións que se transmiten a través do contacto.
 

A hixiene de mans é unha práctica habitual e consolidada no sistema sanitario. Con esta xornada mundial, lémbrase a necesidade de insistir aínda máis no correcto xeito de facelo. Coa desinfección hixiénica das mans cunha solución hidroalcohólica, está demostrado que, en tan só 30 segundos, se loita contra bacterias importantes e habituais, algunha delas multirresistentes.
 
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss