A Xerencia sanitaria compostelá introduce en Galicia unha nova técnica para tumores pulmonares moi reducidos
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 05 2019
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2019.- Profesionais da xerencia sanitaria de Santiago foron os primeiros en introducir en Galicia unha novidosa técnica de cirurxía radioguiada intraoperatoria para tumores pulmonares reducidos, da que xa se beneficiaron 2 doentes.
 

Na última década, o diagnóstico dos nódulos pulmonares foi incrementándose de forma notable debido á melloría na sensibilidade das técnicas de imaxe e ó seu uso rutineiro. Unha alta porcentaxe destes nódulos pulmonares poden ser malignos, polo que o seu diagnóstico precoz é fundamental.

A cirurxía radioguiada dos nódulos pulmonares (ROLL pulmonar) é un procedemento innovador para a detección de nódulos pulmonares de difícil palpación e abordaxe cirúrxica, e require unha completa sincronización e colaboración entre os servizos involucrados: Cirurxía Torácica, Medicina Nuclear e Radioloxía.
 
A técnica iníciase 24 horas antes da cirurxía, cunha inxección intrapulmonar, dirixida mediante un estudo tomográfico, dunha solución que contén macroagregados de albúmina marcados radiactivamente con tecnecio MAA-99Tc e un contraste iodado. Posteriormente, realízase un control tomográfico e gammagráfico para previr calquera complicación que se poida presentar e comprobar que a inxección está no lugar adecuado.
 
Ao día seguinte realízase en quirófano unha vídeo toracoscopia, procedemento minimamente invasivo, cunha baixa morbilidade e cun tempo de hospitalización moi curto. Durante a cirurxía procédese á localización cunha sonda de detección gamma (Probe) da área de máxima intensidade de sinal numérico e acústica radioactiva e finalmente procédese á resección cirúrxica da lesión e posterior estudo en Anatomía Patolóxica.
 
Xa se beneficiaron os primeiros 2 doentes e hai outro en estudio, de esta nova técnica empregada no Hospital Clínico polos doutores García Prim (xefe de servizo de Cirurxía Torácica), Abou Jokh Casas e Miguel Garrido Pumar, do servizo de Medicina Nuclear, e Anxo Martínez de Alegría, do servizo de Radioloxía.




 

Saúdos

 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss