A AULA DE FOTOGRAFÍA DA ASOCIACIÓN DEPORTIVO CULTURAL DA ÁREA SANITARIA FERROLÁ, SOLIDARIA COA COCIÑA ECONÓMICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 05 2019

Os alumnos e alumnas da aula de Fotografía da Xerencia Integrada de Ferrol, que organiza a Asociación Deportiva e Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (ADECASFE), son novamente solidarios coa comarca. Nesta ocasión,  elaboraron un calendario para o 2019 editado cos seus peculiares bodegóns, diversas fotografías realizadas por eles como unha actividade na aula. Foi unha práctica de aprendizaxe máis, e os beneficios da venda destes particulares calendarios entregábanos esta mañá á Cociña Económica do Concello de Ferrol. 
 

O presidente da Cociña Económica, Antonio Tostado Naveiras, recollía o simbólico cheque por valor de 1.130 euros -a totalidade dos beneficios acadados- de mans de membros da Asociación Deportivo Cultural da área, e de alumnado desta actividade. Foi no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
 

As fotos destes calendarios, tanto de tamaño pequeno de mesa como de parede, están realizadas por profesionais do ámbito dos centros hospitalarios e dos centros de saúde; e que pertencen a moi diferentes categorías profesionais e servizos, tanto da administración e xestión, como da clínica e a asistencia. O mestre é o fotógrafo Eduardo Pérez. 
 

Durante a entrega, destacouse a importancia de que estas actividades de humanización no ámbito profesional sanitario poidan traducirse en accións benéficas. Neste senso, destacar que a Asociación Deportivo Cultural realiza tamén outras actividades de índole colaborativo con esta entidade como a recollida de alimentos.
 

O emprego dunha actividade lúdica deste tipo por parte da asociación con fines solidarios non é illada, xa que o pasado ano 2018, realizaban tamén un calendario con imaxes de animais; e os cartos destinábanse nesa ocasión ás asociacións que facilitan o coidado e adopción de animais na comarca.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss