A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago organiza unha nova edición do curso sobre as técnicas máis avanzadas da patoloxía vascular aórtica
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
09 05 2019
 
Santiago, 9 de maio de 2019.- O Servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago organiza unha nova edición do curso “Santiago Aortic Meeting” , que ten lugar na Aula Magna do Edificio Nóvoa Santos, durante os días 9 e 10 de maio. Asisten máis de 120 especialistas internacionais en cirurxía vascular, e no transcurso do mesmo se retransmitirán 18 casos de cirurxía en directo, a maioría dende o Clínico, onde se realizarán 11; dende CHOU (3); CHUVI (1); PESET de Valencia (1) Hospital de Jaén (1) e Hospital Universitario de Bolonia-Italia (1) Tratarán a terapéutica máis avanzada nos aneurismas de aorta abdominal e torácica, e nas oclusións arteriais do sector aorto-ilíaco. No Clínico realizáronse o ano pasado máis de 100 intervencións deste tipo, coas técnicas máis avanzadas para as que, nos casos de aneurismas de aorta que o precisaron, empregaron próteses feitas a medida para cada doente.
 
O servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, cuxo responsable actualmente é o doutor Fernandez Noya, está consolidado como centro de formación nacional e europeo mediante a realización de cursos dirixidos a especialistas vasculares que desexan ampliar o seu coñecemento en técnicas avanzadas, tanto cirúrxicas como endovasculares.

Este encontro baséase na terapéutica avanzada nos aneurismas de aorta abdominal, é dicir, a dilatación dun vaso arterial, que chega mesmo a duplicar o seu tamaño habitual e que debido a isto pode provocar complicacións graves e potencialmente mortais como a ruptura e sangrado. Como o vaso arterial adquire un tamaño determinado debe procederse ao seu tratamento para evitar complicacións que serían tratadas de urxencia. A abordaxe pode ser endovascular ou con cirurxía aberta, segundo as características do aneurisma e do doente.

Por outro lado a patoloxía das lesións oclusivas do sector aorto-ilíaco conleva a aparición de claudicación intermitente (a coñecida como “enfermidade do escaparate”, pois os pacientes teñen que deterse cada certo tempo por falta de aporte sanguíneo), dor en repouso ou a aparición de lesións en membros inferiores, polo que o restablecemento do fluxo arterial dos vasos ocluídos é de suma importancia.

Os asistentes visualizarán 18 intervencións cirúrxicas en directo, de gran complexidade, dende unha sala na que se impartirán de modo simultáneo relatorios sobre aspectos técnicos dos procedementos, discusión de casos complexos e análises da experiencia de distintos centros nacionais e internacionais.

En xeral, os profesionais do servizo levaron a cabo máis de 1.000 intervencións programadas o ano pasado, de todo tipo de patoloxía vascular.

A organización deste curso de alto nivel (auspiciado polas sociedades científicas da especialidade) contribúe á mellora da calidade na práctica asistencial que se presta aos doentes composteláns e permite así mesmo avanzar na investigación apoiados nas últimas tecnoloxías, posibilitando o intercambio de experiencia e coñecementos entre cirurxiáns de distintos hospitais internacionais e situar Santiago como área de prestixio e formación da cirurxía vascular a nivel internacional.

Saúdos

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss