Almuiña sinala na reunión da Sociedade Galega de Medicina Intensiva que o desenvolvemento científico e tecnolóxico das UCIs incrementou ata nun 90% a supervivencia
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 05 2019

O desenvolvemento científico e tecnolóxico das Unidades de Coidados Intensivos levou consigo un incremento da supervivencia dos pacientes, que se sitúa xa nun 90%. Así o sinalou hoxe en Pontevedra o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no marco da XXXII Reunión anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva que, baixo o lema "Camiñando cara o futuro", reúne a preto dun cento de profesionais da Medicina Intensiva de hospitais de Galicia, Madrid, Cataluña e Baleares, que analizan aspectos acordes á situación actual dos servizos de coidados intensivos ante os novos retos sociais e sanitarios.

O titular de Sanidade subliñou que "hoxe en día, o espazo UCI está cambiando grazas á implantación de medidas para mellorar o benestar dos pacientes, familiares e profesionais. Desde a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde sabemos que os avances en tecnoloxía redundan na mellora da saúde das persoas, pero tamén deben ir necesariamente acompañados dunha mellora na humanización".
 

Segundo quedou patente hoxe no transcurso da Reunión anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva, a desnutrición nos servizos e unidades de críticos é un dos retos destes servizos hospitalarios, debido ás patoloxías dos doentes así como ao propio medio hospitalario. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade lembrou que desde o Servizo Galego de Saúde, coa participación de distintos profesionais, está a elaborarse un Programa galego para a optimización da nutrición no paciente crítico (desnutrición cero), cara á prevención e tratamento da desnutrición nestas unidades. Un programa que será presentado no primeiro semestre do presente ano.

Mellora da calidade asistencial nas UCIs
A Administración Sanitaria Pública galega mantén diferentes liñas de traballo para a mellora da calidade asistencial e a seguridade do paciente relacionadas coa vixilancia, prevención e control da infección nas Unidades de Coidados Críticos. Ditas liñas de traballo tamén se incorporaron anualmente nos Acordos de Xestión das Áreas Sanitarias, establecendo obxectivos para os programas de Hixiene de mans, Bacteriemia Zero, Neumonía Zero, Resistencia Zero e a implantación dos PROA nos hospitais.
 
"Estamos convencidos de que estes programas permiten xestionar de forma proactiva os riscos asistenciais; evitar e minimizar os eventos adversos relacionados coa atención aos pacientes críticos; diminuír a morbi-mortalidade das persoas ingresadas nas unidades de coidados críticos e reducir as súa estancia nelas. Queremos continuar concienciando e sensibilizando á sociedade, pacientes e profesionais de que a infección relacionada coa asistencia sanitaria é un problema que se pode previr con prácticas sinxelas", aseverou o conselleiro.
 
Durante a inauguración oficial da XXXII Reunión anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva, Jesús Vázquez Almuiña estivo acompañado pola directora de Procesos Asistenciais da EOXI de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández-Arruty Ferro, o presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias -SOGAMIUC- Dr. Pedro Rascado Sedes, e a presidenta do comité organizador e xefa de servizo de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Pilar Posada González, entre outras autoridades.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss