O Sergas oferta 830 prazas nas oposicións de enfermería que se celebran esta fin de semana
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 05 2019
 

​Este domingo, día 12 de maio celébrase a fase de oposición para cubrir 830 prazas na categoría diplomado universitario en enfermería (DUE) da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde. A estas probas están convocados un total de 8.738 aspirantes no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra).

Neste proceso selectivo, das 830 prazas ofertadas, 372 corresponden á quenda de acceso libre, 415 á de promoción interna e 43 á de discapacidade. As prazas de promoción interna e discapacidade que non se cubran,  acumularanse a acceso libre.

Cómpre destacar que o 5,80% dos aspirantes proveñen de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o 72,60% teñen menos de 40 anos e o 88,10% do total son mulleres.

O chamamento dos aspirantes dará inicio ás 15.30 horas. Os aspirantes das distintas quendas realizarán nesta xornada todos os exercicios que integran a fase de oposición. Na páxina web do Servizo Galego de Saúde recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.
 
Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.
 
No marco das previsións da normativa de igualdade efectiva de mulleres e homes, facilitarase a execución material das probas ás opositoras xestantes que o soliciten previamente, mediante o desprazamento dunha delegación do respectivo tribunal aos centros sanitarios onde figuren ingresadas así como o exercicio da lactación natural por aquelas aspirantes que o soliciten, habilitándose no recinto salas específicas ao efecto, no exterior e interior dos pavillóns.
 
Así mesmo practicaranse varias adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss