Sanidade aposta pola mellora do emprego e a estabilidade dos profesionais sanitarios
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
21 05 2019
​A Consellería de Sanidade segue apostando pola mellora do emprego e a estabilidade dos profesionais sanitarios do Sergas. E neste senso, o departamento sanitario que dirixe Jesús Vázquez Almuiña segue a traballar na adopción de medidas que permitan lograr o compromiso adquirido cos sindicatos a través do Plan de Estabilidade do Emprego e Provisión do Persoal Estatutario do Sergas de situar a taxa de temporalidade no 5%, tres puntos por debaixo do acordado a nivel estatal. Esto permitirá, co horizonte 2020, que preto de 5.000 persoas poderán acceder a unha praza estable, a través de novas ofertas públicas de emprego.
 
Para este ano, a oferta pública do Sergas suma un total de 1.323 prazas, das que 1.314 son de persoal estatutario, e 9 prazas de funcionarios de carreira de saúde pública e administración sanitaria. Das 1.314 prazas de persoal estatutario, 302 corresponde a enfermería e 47 a enfermería especialista. Fronte ás anteriores ofertas (na que a taxa máxima de reposición era do 100%), neste 2019 aplícase a do 108% (incluíndo o 8% adicional previsto para as administracións públicas que cumpriron os obxectivos de estabilidade). Deste xeito, a sanidade pública galega conta con 213 prazas extras.
 
Cómpre subliñar que Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que mantivo de xeito ininterrompido as convocatorias anuais das OPE dende o ano 2012, o que permitiu ofertar ao longo deste período (2012-2019) máis de 6.000 prazas para o sistema sanitario público galego. Ademais, a comunidade galega ten solicitado ao Ministerio de Sanidad a eliminación da taxa de reposición.
 
O Sergas tamén acaba de convocar o concurso-oposición con 169 prazas para enfermería especialista e 71 para fisioterapeuta. Trátase do primeiro proceso selectivo que se convoca en execución do Decreto 81/2016, de 23 de xuño, polo que se crea a categoría de enfermería especialista no servizo público de saúde galego. De feito, Galicia foi pioneira en crear esta categoría. A intención da administración é impulsar as especialidades de enfermería, coa progresiva dotación de prazas e a incorporación a estas de persoal titulado en condicións de pleno recoñecemento normativo e profesional.
 
Nesta mesma liña, e ao obxecto de xerar un marco profesional estable e reducir a temporalidade no período 2019 -2021, o Plan Galego de Atención Primaria, aprobado recentemente no Consello da Xunta, prevé a creación de 331 novas prazas. Entre estas destacan 80 de medicina de familia, 20 de pediatría, 130 de enfermería e 23 prazas MIR de familia e de pediatría.
 
Outras medidas
En paralelo, o Sergas tamén adoptou outras medidas no eido da sanidade pública de cara a mellorar o emprego e a estabilidade. Entre elas a carreira profesional, que beneficiará a máis de 22.000 profesionais, que suporá un incremento medio anual nas retribucións dun 6% e supón a equiparación plena dos dereitos para todo o persoal e o pleno recoñecemento económico dos mesmos dereitos para o persoal interino. De feito, a carreira profesional do Sergas sitúase entre as mellores de España, con criterios moi superiores ao resto das comunidades.
 
O Sergas tamén foi o primeiro servizo de saúde de todo o Estado en poñer en marcha un procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario nos centros e institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde. Con esta medida, o departamento sanitario garante o dereito á mobilidade e contribúe a promover a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, achegándoos a destinos próximos aos seus domicilios ou con maiores expectativas de desenvolvemento profesional.
 
E, recentemente, no eido da atención primaria, o Sergas aprobou, tras un acordo cos sindicatos, o novo contrato para substitucións, o chamado nomeamento eventual de continuidade, tamén recollido no Plan Galego de Atención Primaria 2019-20121. Trátase dunha nova modalidade contractual para vínculos temporais do persoal médico de familia e pediatras, que prevé contratos cun mínimo dun ano de duración e tres anos de máximo.
 
Todas estas medidas, entre outras, garanten unha maior estabilidade do persoal, o que redundará, sen dúbida, nunha mellor atención sanitaria e nunha maior fidelización dos recursos humanos dispoñibles. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss