A Xunta licita a redacción do proxecto básico e de execución do Centro Integral de Saúde de Lalín por máis de 232.000 euros
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 05 2019
O Servizo Galego de Saúde saca hoxe a licitación, por un importe de 232.874 €, a contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución, e da dirección de obra do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín. O proxecto básico e de execución do CIS de Lalín definirá a obra necesaria para executar o Plan funcional e de espazos, aprobado polo Sergas, para unha superficie construída estimada duns 4.800 m2 (a superficie útil estímase en preto duns 3.800 m2). Tamén cuantificará o custo da obra, que o Sergas estima en máis de 5 millóns de euros.
 
O servizo de atención primaria de Lalín atende á poboación dos concellos de A Golada, Lalín, Rodeiro e Dozón, ademais de dar cobertura para diversos procedementos ou unidades de apoio aos concellos de Silleda e Vila de Cruces. En total, beneficiaranse desta nova infraestrutura sanitaria preto de 35.000 habitantes.
 
Con esta actuación, o departamento autonómico que dirixe Jesús Vázquez Almuiña reafirma o seu compromiso de dotar á comarca do Deza, en xeral, e ao Concello de Lalín, en particular, dunha atención sanitaria de calidade, poñendo a disposición da veciñanza dos concellos que integran esta comarca dunha infraestrutura moderna, con capacidade de resolución de alto nivel.
 
A posta en marcha do CIS de Lalín permitirá ampliar o programa de cirurxía menor ambulatoria e poñer en marcha novos programas. En concreto, contémplase unha área integral de rehabilitación ligada a novos programas de rehabilitación de solo pélvico, enfermidades musco-esqueléticas e rehabilitación cardíaca. Tamén se contempla no programa funcional, os servizos de atención a doentes crónicos pluripatolóxicos, o programa de radiodiagnóstico e ecografía, así como o centro integral de hemodiálise e o programa de hospitalización a domicilio.
 
Distribución de espazos
Segundo recolle o Plan funcional e de espazos, aprobado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas e presentado en febreiro de 2018, o novo centro contará, entre outras, cunha área asistencial na que se ubicarán 11 consultas de medicina, 11 de enfermería, 1 de farmacia e 2 de odontoloxía, ademais de sala de técnicas, mostras e varias polivalentes.
 
Na área de especialidades médicas haberá 4 consultas polivalentes de medicina, 2 de enfermería e 3 gabinetes de exploración. A área pediátrica contempla 3 consultas de medicina, 2 de enfermería e 1 sala de atención integral.
 
O CIS de Lalín tamén incluirá unha área de hospitalización a domicilio, outra de atención á muller, unha área integral de rehabilitación, unha área de telemedicina, outra de diagnose por imaxe, unha área de hemodiálise con 12 postos e unha área integral de saúde pública.
 
Ademais, esta nova infraestrutura sanitaria da rede pública galega incluirá un Punto de Atención Continuada, con 3 consultas, 5 dormitorios, unha sala de críticos e outra de observación.
 
Tamén haberá unha área de transporte sanitario con soporte vital básico, espazos comúns para a área de consultas externas e bloque diagnóstico, unha área de persoal e outra de servizos comúns de administración e arquivo, entre outros.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss