O salón de
actos do Hospital Público de Verín acolle esta mañá unha reunión da
Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (SOGACOT) á que
asisten medio centenar de especialistas de Galicia e Portugal para afondar
na tipoloxía, riscos e resposta ante a infección dunha prótese articular,
evento pouco frecuente pero crecente ante o incremento de implantes, 1.993 o
pasado ano só na nosa Área Sanitaria.
A reunión, organizada polo especialista do
Hospital Público de Verín, Angel López, repasará, da man de numerosos expertos, a complexidade deste evento adverso. “A
infección de prótese articular é unha entidade, por fortuna, pouco frecuente
pero que xera unha gran alteración na saúde e calidade de vida do doente que a
sofre, sendo ademais tremendamente consuntiva de recursos económicos e
clínicos,” explica o doutor López.
A incidencia destas infeccións varía entre o
un e o tres por cento do total de próteses articulares implantadas, con
variacións segundo o tipo de prótese, non si é un tema a ter cada vez máis en
conta. Dunha banda, polo crecente número de implantes, derivado do aumento da
esperanza de vida, e tamén polos factores de risco asociados ao envellecemento,
como o aumento de patoloxías crónicas ou de base dos pacientes que se deben
someter a esta intervención.
Autocoidado pre e post-cirúrxico
Neste senso, o doutor López explica que “os
factores que máis inflúen, máis alá do propio acto cirúrxico, son aqueles
relacionados coas patoloxías do paciente, como a inmunosupresión e condicións
previas, como pode ser a obesidade e o mal control glucémico de persoas con diabete”
di o especialista.
Nesta liña, os pacientes tamén poden intervir
para limitar os riscos cara a unha intervención de implante articular, non só
nos coidados postcirúrxicos, como evitar coller peso e facer os exercicios
aconsellados en cada momento, senón tamén preparándose para afrontar a
operación coa mellor saúde posible, facendo unha vida o máis san posible e
mellorando o autocoidado.
5 millóns de euros anuais en implantes
No Distrito Sanitario de Verín realizáronse o
pasado ano un total de 146 intervencións para o implante de proteses
articulares, dun total de 1.993 en toda a provincia. As máis numerosas, tanto
neste hospital como no de Valdeorras e no de Ourense son as de cadril, 812 no
conxunto da área sanitaria, seguidas das de xeonllo, 778, e moi por debaixo a
doutras articulacións como o nocello, 403.
A mellora das técnicas, o coidado da saúde e a
alta esperanza de vida, con intervencións cada vez máis frecuentes en persoas
de idades moi avanzadas, mínimo un centanario ao mes, convirte Ourense nun
marco excepcional para o estudo destes procedementos, que supoñen a súa vez un
importante investimento de recursos humanos e económicos. Tan só en 2022 o
gasto en próteses articulares e material de osteosíntese, preciso para o
implante, ascendeu a 5 millóns de euros. Unha cifra que aumenta anualmente.
Reunión intercongresos
A reunión de Verín encádrase no que a SOGACOT
chama reunións intercongresos, a dous anos de cada xuntanza galega. Nestes
encontros priorízase o contacto cos profesionais dos hospitais comarcais,
poñendo en valor o traballo que realizan os seus especialistas.
O programa comezou coa mesa moderada polo
doutor Ricardo Sousa, do Hospital CUF Trinidade de Oporto, cos relatorios:
Epidemioloxía e clasificación da infección protésica, a cargo da Dra. Cristina
Penín, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Evidencia actual na
prevención e optimización do paciente, por David Ruba, do Hospital
Universitario de Lugo. Criterios diagnósticos de infección, por Lily Fletcher
de POVISA e aspectos microbiolóxicos e novas ferramentas
diagnósticas en microbioloxía, con Patricia Álvarez do Hospital de Pontevedra.
A segunda mesa esta moderada por Pablo Codesido do H.U. de A Coruña,
que abordará: Indicacións e contraindicacións do DAIR, por Antón López, do
CHUVI. Indicacións e contraindicacións do recambio nun tempo, con Luís
Rise Rodríguez, do Hospital Universitario de Ourense. Indicacións e
contraindicacións do recambio en dous tempos, con Fermín Mandía, do Complexo
Hospitalario Universitario de Santiago; e espaciadores de cemento:
dose, tipo e técnica, a cargo de José Yáñez do HUAC.