Santiago, 11 de outubro 2023.- O proxecto R-evolución
farmacocinética, coordinado desde a Unidade de Investigación do Servizo de
Farmacia do CHUS conseguiu desenvolver e implementar unha ferramenta software para realizar recomendacións posolóxicas
de precisión mediante a aplicación de técnicas farmacocinéticas e farmacoxenéticas.
Na
actualidade, “só o 34.1% dos Servizos de Farmacia realiza informes
farmacocinéticos, debido principalmente á falta de ferramentas informáticas
modernas, intuitivas e versátiles para realizar recomendacións posolóxicas”
reflexiona Anxo Fernandez, responsable desta unidade de investigación. Os softwares máis utilizados, datan de
finais do século pasado e presentan limitacións relevantes para a práctica
clínica. Con este desenvolvemento lograron desenvolver interfaces intelixentes
que permiten aos facultativos introducir os datos clínicos de forma áxil e
intuitiva.
Á
súa vez, o software, desenvolto en
colaboración co grupo VARPA da Universidade da Coruña, permite xerar un backend robusto e seguro que posibilita
a activación de modelos preditivos individualizados proporcionando as doses
óptimas personalizadas. A versión beta está dispoñible para profesionais do
CHUS, sendo utilizada principalmente no eido das enfermidades infecciosas e estando
prevista a súa escalada a outros ámbitos terapéuticos nos próximos meses. Así,
ata o de agora “máis de 100 pacientes xa se beneficiaron das recomendacións
posolóxicas de precisión”, subliña Fernández.
A
concesión deste premio (6.000 euros) á Unidade de Investigación e Innovación,
reafirma a aposta do Servizo de Farmacia pola investigación, e tal como indica
o seu coordinador Anxo Fernández Ferreiro “este proxecto é un claro exemplo da
investigación orientada ao paciente e á poboación a través de actividades de
transferencia”. Pola súa banda, a xefa do Servizo de Farmacia, Irene Zarra, abunda
nesta aposta e destaca a importancia de facer investigación nos hospitais para
poder atopar “solucións reais aos problemas de saúde”.
O
proxecto está enmarcado dentro do ámbito da saúde dixital, unha das prioridades
en sanidade do Consello da Unión Europea. Así, na reunión de alto nivel da E-Health Network (rede europea de saúde
dixital) celebrada na última semana de setembro en León quedaron patentes as
enormes oportunidades da saúde dixital. Deste xeito, os membros do equipo
investigador, esperan, segundo subliña Anxo Fernández, que “o actual premio
sexa un impulso para seguir traballando con entusiasmo e perseveranza en
proxectos complementarios cos que pretendemos integrar técnicas de intelixencia
artificial no campo da farmacocinética”.
Saúdos,