Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O BROTE DE CORONAVIRUS DA MARIÑA REDÚCESE NOUTROS 10 CASOS ACTIVOS RESPECTO AO DÍA DE ONTE
22 07 2020

Nas últimas horas reduciuse noutros 10 o número de casos activos relacionados co brote de covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 86 PCR realizadas nesta última xornada, 2 resultaron positivas. A maiores, nas últimas horas, outras 12 persoas positivas en covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 69, é dicir, 10 menos ca onte.

Das 86 PCR realizadas nas últimas horas a persoas relacionadas con este brote, 2 arroxaron resultado positivo. As restantes 84 foron negativas. Neste momento a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas.
 
Así mesmo, destacar que todos os novos positivos que se seguen a detectar nesta área están relacionados co brote, o que permite seguir a trazabilidade dos casos e continuar na estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar a transmisión e conter o brote.

O primeiro caso de infección por covid-19 no brote da Mariña detectouse o martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os novos contactos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.
 

Dos 69 casos activos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Nestes momentos hai 361 persoas en seguimento domiciliario, 24 menos que onte.
 
O departamento sanitario da Xunta actuou e segue a actuar con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, realizando un rastrexo masivo de todos os contactos que foron xurdindo, o que está a permitir controlar o brote. Hai que destacar a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas  necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial  do Hospital Público da Mariña para a atención de todos os usuarios. Ao igual que durante toda a pandemia, tanto os centros de Atención Primaria como os hospitais públicos do Sergas están a facer un traballo intenso para detectar rapidamente os novos casos relacionados co brote e realizar todas as probas diagnósticas necesarias no menor tempo posible.

No caso concreto do brote que está a afectar ao distrito sanitario da A Mariña, tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida.
 

Destacar tamén a capacidade asistencial e resolutiva do Hospital Público da Mariña e dos centros de saúde para asumir con todas as garantías esta situación, como xa o demostraron nos momentos máis duros da pandemia, tanto no aspecto diagnóstico como no tratamento e seguimento. A súa actuación complétase co apoio do Servizo de Microbioloxía do HULA, co que traballan de forma conxunta, coordinada e continuada de 8 da mañá a 10 da noite, e se é necesario, prolongando a súa actividade o tempo necesario; así como co intenso traballo do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Xefatura Territorial de Sanidade no seguimento dos contactos, que está a permitir unha actuación rápida e eficaz na detección e control dos contactos das persoas afectadas.

Engadir, ademais, que a Consellería de Sanidade segue a realizar probas diagnósticas completas aos colectivos máis expostos á covid-19 dos concellos do distrito sanitario da Mariña. A realización das probas epidemiolóxicas iniciouse polos profesionais sanitarios e estase a extender ao resto de colectivos e profesionais que estiveron expostos á Covid neste distrito sanitario.
 

Dende o Sergas queremos lembrar á cidadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, gardar a distancia física de seguridade,  hixiene de mans…

A Consellería de Sanidade reitera á  cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa covid-19.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss