Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O SERGAS E O CONCELLO DE BERGONGO ASINAN UN CONVENIO PARA A REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE
13 05 2021

 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, asinaron hoxe un  acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, e polo xerente da Área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro.
 
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 306.998 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición da alcaldesa e, tamén, o papel de interlocución que fixo o delegado territorial da Xunta para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo, deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Bergondo contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor, máis confortable e accesible.
 
As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas que visitaron o centro, consistirán na renovación de toda a cuberta, o lucernario e da carpintería exterior, ademais da construción dunha marquesiña e dun soportal de acceso cuberto dende a zona de ambulancias. Así mesmo, procederase ao pintado exterior de todo o edificio, á instalación de calefacción mediante bomba de calor e á renovación da instalación eléctrica.
 
Renovación de infraestruturas de atención primaria
A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 84 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 67.800 metros cadrados. A eles hai que engadir as oito obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 100 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
Na provincia da Coruña, nos últimos anos, puxéronse en marcha novos centros de saúde en Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Galeras (Santiago) e importantes reformas en Oza-Cesuras, Valdoviño, Cabanas, Cee ou Coristanco.
 
Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021. Só na provincia da Coruña, a Xunta vén de inaugurar un novo centro de saúde en Milladoiro-Ames; porá en marcha este ano os de Melide e Narón; acabáse de finalizar a reforma do de Ortigueira, e estase a piques de rematar o de Mugardos e As Pontes. Ademais, iniciouse xa a reforma do de Bertamiráns, e está prevista tamén a ampliación do de Conxo (Santiago), xa redactado o proxecto.
 
Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que creouse  unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.
 
Para todo isto é importantísimo actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.
 
Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.
 
Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.
 

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss