Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
SANIDADE ESTABLECE OS CRITERIOS PARA DEFINIR AS NOVAS AXENDAS DE CALIDADE DE ENFERMARÍA EN ATENCIÓN PRIMARIA
09 09 2021

A  directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, informou está mañá, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, do documento elaborado polo Sergas e os profesionais de Enfermaría sobre os criterios que definirán as novas axendas de calidade.
 
A aplicación destas axendas permitirá mellorar a accesibilidade da poboación aos centros de saúde e, máis concretamente, a das consultas da poboación maior de 14 anos. O seguinte paso a dar será elevar ao Consello técnico de atención primaria este novo modelo de axendas de enfermaría, para a súa posterior implantación.
 
Estrella López-Pardo apuntou que entre os criterios de calidade atópanse cuestións como: o recoñecemento específico dentro da xornada laboral para realizar tarefas de docencia e investigación; a fixación dun tempo reservado para os coordinadores e responsables das unidades de primaria para as tarefas de xestión -en función do número de profesionais do centro e da poboación asignada-; o establecemento dun tempo específico para que os titores da especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria poidan realizar actividades relacionadas coa docencia especializada dentro da actividade asistencial; ou que o persoal de enfermaría dispoña de tempo para realizar actividades comunitarias ou grupais do ámbito sanitario.
 
Sobre o avance do novo modelo de atención primaria, encadrado no marco estratéxico do Plan Galego de Atención Primaria  2019-21, e do informe “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de Saúde”, López-Pardo reiterou que se segue a avanzar cara un servizo “máis proactivo, preventivo e centrado nas necesidades dos pacientes”.
 
A directora xeral subliñou que esta transformación “marcará un antes e un despois na sanidade pública galega” e que, para levala a cabo, o Servizo Galego de Saúde, está a incrementar dun xeito importante os orzamentos destinados a este eido sanitario. Neste sentido, salientou que “no ano 2021 incrementouse nun 7’5% a partida destinada a este nivel asistencial”.
 
No que atinxe ás novas infraestruturas, remarcou que a Xunta de Galicia “xa puxo en marcha nesta lexislatura 7 novos centros de saúde distribuídos pola xeografía galega”. Uns centros que, do mesmo xeito que as restantes instalacións sanitarias galegas, desenvolveran os seus propios Plan de Saúde Local, cos que gozarán dunha maior autonomía organizativa, para así xestionar mellor os seus recursos.
 
O deseño destes Plans, basearase na “escoita activa e diálogo constante cos profesionais de cada centro de saúde”, o que permitirá identificar as súas demandas, fortalezas e necesidades específicas. Até o de agora, explicou López Pardo “xa visitamos os centros de Sárdoma, Lavadores, Santa Comba. Os Tilos, As Pontes, Cambados, Virxe da Peregrina, Elviña e Vilalba”; estando previstas as visitas, durante o mes de setembro, aos centros de Caranza, Xinzo da Limia, Castro Caldelas e os Maios.
 
Os Plans de Saúde Local abordarán tamén, de xeito prioritario, a redistribución das cargas de traballo dos seus equipos. Así, e co ánimo de optimizar a calidade asistencial, os servizos de atención primaria contarán con profesionais que liderarán o desenvolvemento dos plans, e ferramentas de xestión e avaliación adaptadas ao seu ámbito.
 
Ademais, entre as accións prioritarias do novo modelo de atención primaria tamén se atopan a atención continuada -tanto en domicilio, como urxente-;  os novos modelos asistenciais para os centros sanitarios emprazados no rural; ou a creación dun foro de servizos de atención primaria, onde os profesionais de todos os centros de saúde poderán compartir as súas experiencias, permitindo obter unha visión global do funcionamento do Plan.
 
No que atinxe ás novas axendas de calidade dos facultativos galegos, López-Pardo explicou que durante os próximos días rematará a súa implantación en tódalas áreas sanitarias. Así, segundo avance a cobertura destas axendas, a demora para acceder ás primeiras citas médicas de familia mellorará. Sobre este particular, a directora xeral detallou que a demora na última semana, por exemplo, no 98% das axendas en Ourense e no 73% en Coruña podíase citar en menos de 2 días. E no 97% das axendas en Lugo e no 95% en Santiago, podíase obter unha cita en menos de 4 días.
 
Reclamación ao Goberno central
A directora xeral de Planificación Sanitaria salientou que o Servizo Galego de Saúde coñece a necesidade de contar con máis profesionais, instando de novo ao Ministerio e Sanidade a eliminar as taxas de reposición impostas, pois, este impedimento xurídico, imposibilita a convocatoria de miles de prazas en todas as categorías da atención primaria. Ademais, tamén reclamou ao Goberno central a celebración dunha convocatoria extraordinaria de formación sanitaria especializada (MIR), co ánimo de dar solución á falla de novos profesionais, por mor da xubilacións masivas que se están a producir.
 
A pesar de todas as limitacións do ámbito competencial da Comunidade Autónoma, López-Pardo remarcou que a Xunta seguirá traballando e planificando medidas para obter a máxima eficiencia dos recursos dispoñibles actualmente, e que están ao alcance das nosas competencias.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss