Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE INICIA A NEGOCIACIÓN DO PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS DE ATENCIÓN PRIMARIA
26 11 2021

 

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa Sectorial de Sanidade na que se negociou o Plan de ordenación de Recursos Humanos para ámbito da atención primaria.
 
A reunión, contou coa presenza do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias e a Directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo. Así, pola parte sindical participaron as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT.
 
O plan que resulte do proceso de negociación que hoxe botou a andar, conterá un conxunto de actuacións para a óptima utilización dos Recursos Humanos no ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde.
 
Entre os obxectivos de Plan atópanse o de atraer a novos profesionais que presten servizos na atención primaria, ademais de fomentar con diversas medidas a actividade dos traballadores que xa veñen actuando neste nivel asistencial. Neste caso, tendo en conta as necesidades asistenciais actuais, arestora condicionadas pola falta de dispoñibilidade de Recursos Humanos en categorías como as de persoal médico de atención primaria ou na de persoal de enfermaría. Porén, o Plan contemplará a realización dunha ordenación dos cadros de persoal que permita a redución da presión asistencial.
 
A folla de ruta para a ordenación dos Recursos Humanos na atención primaria realizará unha análise de situación, desagregado no estudo a valoración dunha serie de parámetros, tales como a poboación destinataria da actividade asistencial, ou os aspectos máis relevantes da configuración do cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde e o contexto económico. Ademais, conterá a definición do conxunto de obxectivos que se pretenden conseguir durante a vixencia do plan, as medidas que se adoptarán para acadalos e o período temporal no que se desenvolverá.
 
A primeira reunión do proceso negociador serviu para realizar unha aproximación ao diagnóstico de situación, presentando datos de diagnóstico. Entre eles, datos que acreditan que o 90% do persoal MIR que remata a sua formación como especialista en medicina familiar e comunitaria no Sergas, continua prestando os seus servizos en Galicia.
 
A estes efectos, e como novidade na negociación colectiva empregarase a ferramenta SharePoint, unha aplicación web que permitirá ás partes negociadoras acceder a documentos compartidos, de forma telemática, e en tempo real.
 
Do proceso de negociación deste plan poderán resultar algunhas das bases que se incorporarían para a regulación dos Recursos Humanos no futuro Decreto de ordenación da atención primaria.
 
Outros temas abordados na Mesa Sectorial
No transcurso da xuntanza, informouse que na categoría de persoal enfermaría especialista creáronse no presente ano 30 prazas na especialidade de enfermaría familiar e comunitaria, e 9 prazas na especialidade de enfermaría pediátrica.
 
Ademais, trasladouse a ratificación de diversos acordos da Comisión de traballo na que se acordou a prórroga contratos de 738 traballadores. Nomeadamente, a ampliación por tres meses de 623 contratos de persoal por emerxencia sanitaria, que ían finalizar entre o 30 de novembro e o 31 de decembro; así como a prórroga de seis meses dos contratos de continuidade do persoal de enfermaría subscritos por mor da situación sanitaria (115 en total), e que tamén estaban próximos a rematar. Así mesmo, acordouse ratificar o acordo de carreira profesional que suporá o recoñecemento dun novo grao de carreira a preto de 100 profesionais.
 
Por último, presentouse o anteproxecto de decreto de creación destas dúas novas categorías de persoal de biblioteconomía e documentación, abrindo un prazo para a realización de alegacións por parte das organizacións sindicais.
 

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss