FOROVAX REÚNE EN GALICIA A ESPECIALISTAS DA SAÚDE PÚBLICA PARA ABORDAR A ACTUALIDADE DO ÁMBITO DA VACINACIÓN
14 06 2022

A Cidade da Cultura acollerá, durante os días 15 e 16 de xuño, o Foro de Saúde Pública e Vacinas ‘Forovax 2022’, no que profesionais da Saúde Pública, chegados desde diferentes puntos da xeografía española, abordarán dun xeito multidisciplinar os últimos avances e achegas científicas xurdidas ao redor da vacinación.

O evento, que conta co aval científico da Asociación Española de Vacinoloxía, comporase de diferentes mesas redondas, relatorios e foros de debate, nos que se analizará a incorporación de vacinas ao calendario vacinal, as derradeiras publicacións sobre vacinas, ou as estratexias e retos futuros que se lle presentan ao ámbito da Saúde Pública.

Na xornada de mañá mércores, celebraranse senllas mesas redondas nas que se abordarán os avances en ‘Investigación en vacinas’ para, de seguido, artellar un segundo relatorio sobre a ‘Lectura crítica e evidencia científica en publicacións sobre vacinas’. 

A primeira das mesas, estará moderada polo presidente da Asociación Española de Vacunología, Amós García Rojas, e contará coa participación do pediatra e investigador clínico, Federico Martinón Torres; o catedrático de microbioloxía clínica da Universidade de Aragón, Carlos Martín Montañés; a investigadora en Vacinas FISABIO, Cintia Muñoz Quiles.

A continuación, a subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, Marta Piñero; moderará o relatorio ‘Lectura crítica e evidencia científica en publicacións sobre vacinas’, no que intervirá, o presidente da Sociedad Andaluza de Farmacéuticos de Atención Primaria, Carlos Fernández Oropesa.

Calendario vacinal e futuro da Saúde Pública
Xa na mañá do xoves, levaranse a cabo diferentes relatorios e debates que pivotarán sobre as últimas modificacións do calendario vacinal, desde a perspectiva da evidencia científica e o custe da súa efectividade.
 
Neste caso, a xefa de servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Consellería de Sanidade, Susana Miras Carballal, encargarase de moderar un debate que porá o foco na vacina do meningococo B, a vacina da gripe e do VPH en nenos, ou a do Herpes de Zoster. Na mesma, participarán Jaime Jesús Pérez Martín, José Antonio Lluch Rodrigo, Ismael Huerta González e Amós García Rojas; representantes da Ponencia do Programa e Rexistro de vacinacións da Rexión de Murcia, a Comunidade Valenciana, Asturias e Canarias, respectivamente.
 
Acto seguido, terán lugar os dous foros que integran a cuarta mesa do ‘Forovax 2022’,  nos que se afondará sobre os retos futuros e as liñas estratéxicas da Saúde Pública, en ‘O Futuro é hoxe’.
 
Moderados pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, o primeiro dos foros: ‘O Caleidoscopio da Saúde Pública: retos de hoxe e mañá’ contará con participación do vicepresidente do SESPAS, Eduardo Satué de Velasco; que trasladará as estruturas e liñas de actuación segundo a visión da Sociedade Española de Saúde Pública; o subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxía Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, que analizará o Big Data e os novos retos da Saúde Pública, e o catedrático en Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza, Gerardo García Álvarez.
 
Por último, o foro ‘Estratexias de futuro: visión de como facer’, contará cos relatorios dos directores xerais de Saúde Publica da Xunta de Castela e León, Sonia Tamames; do Govern das Illes Balears, María Antonia Font Oliver; e do Goberno vasco, Itziar Larizgoitia Jauregui.

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud