A Xunta de Galicia autorizou esta mañá a sinatura de tres convenios de colaboración entre a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e as tres fundacións de investigación biomédica dos centros sanitarios públicos galegos: a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a Fundación Profesor Nóvoa Santos (FPNS) e a Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS). Estes acordos enmárcanse no ámbito do Programa para o impulso de actividades de fomento da investigación traslacional de excelencia en saúde de Galicia (Programa InTres). Os convenios contan cun orzamento total de 606.126 euros, que se repartirá en tres anualidades, entre 2022 e 2024.
O programa InTres xorde da necesidade de fomentar a colaboración e o intercambio de coñecemento entre os implicados nas actividades de I+D+i do sistema de saúde de Galicia, así como o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica necesarios para incrementar a competitividade do sector biosanitario e mellorar a saúde da poboación galega. InTres fomenta o impulso da investigación traslacional como principal ferramenta que permite a procura de solucións aos problemas atopados na investigación clínica e, tamén, a posta en práctica dos coñecementos obtidos coa investigación básica nunha investigación clínica posterior que redunde en beneficio das persoas, ao tempo que permita trasladar eses resultados científicos ao sector produtivo.
Deste xeito, e para acadar os obxectivos do programa InTres, os convenios autorizados hoxe recollen unha serie de liñas de actuación tales como incrementar a cultura científica, tecnolóxica e innovadora dos principais axentes do ecosistema galego de I+D en saúde, e aumentar a difusión dos resultados da investigación científico-técnica e da innovación financiados con fondos públicos. Tamén se prevé mellorar a educación científico-técnica da sociedade en todos os niveis, colaborar na profesionalización da divulgación científica, e apoiar o establecemento de sinerxías e o aproveitamento de recursos para a divulgación do coñecemento en saúde.
Este programa está en concordancia coa Estratexia Sergas 2020, que aposta polo impulso da xestión do coñecemento e a investigación a través de innovacións nas organizacións, con liderado en investigación, e por atraer financiamento para investigación, así como polo aproveitamento de coñecementos particulares para a mellora común do sistema.
Outras actuacións a prol do traballo dos investigadores
A sinatura dos convenios autorizados hoxe é un paso máis nas actuacións levadas a cabo pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para apoiar o traballo dos científicos que desenvolven as súas investigacións sanitarias en Galicia.
Así, en xuño do ano pasado asinouse o primeiro convenio colectivo específico para o persoal das fundacións de investigación sanitaria de Galicia. Foi un primeiro paso para homoxeneizar as categorías de persoal, introducir melloras salariais, regular os distintos permisos de conciliación ou implantar plans de formación.
En xaneiro deste ano asinouse a formalización da primeira spin-off con participación do Sergas desde a súa constitución. Foi promovida por persoal investigador dos nosos institutos e puido tramitarse a través do Decreto 141/2018, do 25 de outubro, polo que se regula a protección, valorización e transferencia dos resultados de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.
En abril, o Consello da Xunta aprobou o contrato plurianual de xestión da ACIS ata o ano 2025, introducindo como unha das principais funcións desta axencia a de consolidar unha estrutura de servizo de apoio ao persoal investigador.
Ademais, quérese implantar unha plataforma do investigador con protocolos de xestión práctica para facilitar as funcións administrativas, intermediar na busca de financiamento e resolver as consultas, incidencias e cuestións básicas para o desenvolvemento da súa actividade profesional.
En maio, a Xunta aprobou o decreto de oferta de emprego correspondente aos procesos de consolidación de emprego público na nosa sanidade, polo que saen a concurso 34 prazas de persoal investigador que verá consolidados os seus postos.