A oferta de prazas de formación sanitaria especializada para as titulacións universitarias de grao/licenciatura/diplomatura de Medicina, Farmacia, Enfermería e ámbito da Psicoloxía Química, Bioloxía e Física, será en Galicia de 620, a de maior número nas convocatorias feitas ata o momento. Así se desprende da reunión da Comisión Técnica Delegada de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, celebrada hoxe, e á que asistiron a directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana Comesaña Álvarez, e o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa.
A oferta de Galicia supón un incremento total de 77 prazas sobre a da anterior convocatoria.
Cómpre remarcar que son as comunidades autónomas as que financian integra e directamente os gastos de formación destes especialistas. Así, no 2023, o total de orzamento que a Xunta destinará a este apartado situarase preto dos 65 millóns de euros.
Nesta oferta de Galicia cómpre destacar:
O incremento de prazas centrado nas especialidades relacionadas co ámbito da Atención Primaria. A oferta galega deste ano acadará as 257 prazas, un incremento de 71, un 38,2% mais, para formación de especialistas en Medicina e Enfermería, Familiar e Comunitaria. Cabe destacar que do total de incremento de prazas na especialidade de medicina de familia no conxunto do SNS, 65 delas corresponderán ao incremento de prazas de Galicia.
- O incremento de prazas nas especialidade de Psiquiatría, acadando unha oferta final de 16 prazas, o que supón un incremento sobre a oferta 2021/2022 do 33% (catro prazas máis), e convocando o 94% das prazas acreditadas desta especialidade.
- O incremento de prazas nas especialidade de Psicoloxía Clínica, acadando unha oferta final de 13 prazas, o que supón un incremento sobre a oferta 2021/2022 do 53% (cinco prazas mais).
- A convocatoria dunha praza na nova especialidade de Psiquiatría Infantil e da adolescencia. Unha especialidade de nova creación, e que permitirá a Galicia acreditar unha praza na mesma na Unidade Docente Multidisciplinar de Santiago, e que será proposta por Galicia nesta oferta.
Galicia será este ano, con diferencia, a Comunidade que levará a cabo un maior esforzo nesta oferta de Formación de especialistas. A oferta de Galicia se incrementará nun 14,2% respecto á publicada o ano pasado, mentras que a oferta total do Sistema Nacional de Saúde se incrementa nun 5%.
Por otra banda, Galicia é tamén a Comunidade co maior incremento de prazas acreditadas neste ano, un 12% de incremento, fronte a unha media do total do Sistema Nacional de Saúde do 3%.
Propostas galegas
Na reunión celebrada hoxe, Galicia propuxo que se estableza o proceso para dar inicio aos trámites para a creación do novo título de especialista de urxencias e se constitúa un grupo dentro da comisión para levar a cabo dita tarefa.
Así mesmo, dende Galicia se solicitou que na redacción da Orde pola que se regula a convocatoria a oferta de prazas para a convocatoria de probas selectivas 2022 para o acceso no ano 2023 a prazas de formación sanitaria especializada se recollera un procedemento claro que evite que poidan quedar prazas sen ocupar cando queden aspirantes sen elixir, e tamén que se establecera un procedemento que permita ampliar a oferta de prazas durante todo o prazo de convocatoria deste proceso.