A XUNTA DE GALICIA ADXUDICA EN 1.379.400 EUROS A SUBMINISTRACIÓN DO PET-TC PARA O HULA, QUE ENTRARÁ EN FUNCIONAMENTO NO VINDEIRO ANO
10 08 2022

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de adxudicar a subministración do equipo PET-TC para o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), por un importe de 1.379.400 euros. A empresa adxudicataria é General Electric Healthcare España, que disporá dun prazo máximo de dez meses desde a adxudicación do contrato para a súa entrega e posta en funcionamento.

A instalación do PET-TC precisa a realización previa de complexas obras para poder crear no Servizo de Medicina Nuclear unha área específica para esta alta tecnoloxía. A Xunta de Galicia investirá máis dun millón de euros na execución das obras que require a instalación deste equipo. Isto supón que o investimento final para instalar o PET-TC do HULA superará os 2,5 millóns de euros.

O PET-TC co que será dotado o HULA é un equipo de última xeración, provisto dos últimos avances no diagnóstico e seguimento do cancro e doutras enfermidades, que posibilitará detectar tumores antes de que sexan apreciados por outras técnicas diagnósticas.

Ademais, permitirá atender no HULA a todos os pacientes da provincia de Lugo que precisen este método diagnóstico, sen necesidade de que teñan que desprazarse a outros centros hospitalarios, como o de Santiago ou Coruña. Ao redor de 1.500 lucenses necesitan cada ano someterse a unha proba PET-TC, polo que unha vez instalado no HULA evitaráselles ter que desprazarse fóra da súa provincia.

A incorporación dun PET-TC ao HULA permitirá atender na provincia coa tecnoloxía máis avanzada a todos os pacientes que a precisen, cun equipo de gran precisión e resolución no diagnóstico de procesos oncolóxicos, campo de actuación principal da tecnoloxía PET-TC, pero tamén no eido da neuroloxía-demencias ou da cardioloxía. O equipo está dirixido, principalmente, ao diagnóstico por imaxe das enfermidades oncolóxicas e das patoloxías neurodexenerativas.

Permite detectar tumores en estadíos moi precoces

O equipo co que será dotada a Unidade de Medicina Nuclear do HULA é un PET-TC de última xeración, un sistema integrado que aúna a tecnoloxía PET cun tomógrafo computerizado (TC). Polo tanto, nun mesmo equipo combínase a tecnoloxía PET, que ofrece información metabólica e funcional dos tecidos, e as prestacións dun TC (Tomografía Computerizada), que facilita imaxes anatómicas de alta resolución, fusionando as vantaxes diagnósticas de ambas técnicas.

A tecnoloxía PET (Tomografía por Emisión de Positróns) é actualmente un dos sistemas de diagnóstico máis avanzados que existen, pola súa capacidade para visualizar o funcionamento e metabolismo dos tecidos, ata o punto de poder observar o comportamento anómalo das células antes de que estas conformen un tumor observable polos sistemas diagnósticos convencionais. Deste xeito, a tecnoloxía PET permite detectar as patoloxías cando aínda non presentan un signo físico, o que supón unha mellora moi importante na detección precoz e prevención do cancro e doutras enfermidades e, polo tanto, das expectativas de vida do paciente.

Así pois, o equipo co que contará o HULA ofrecerá amplas posibilidades diagnósticas nos ámbitos da oncoloxía, a neuroloxía e as enfermidades cardíacas. No eido do cancro, preséntase como un instrumento moi eficaz na detección e localización de tumores, incluso antes de que cheguen a ser visibles anatomicamente con outras técnicas de imaxe. Tamén permite coñecer o estado, características e grao das formacións tumorais, así como predicir a resposta a tratamentos con quimioterapia.

Na ampla relación de tumores que se poden detectar e estudar mediante PET-TC figuran os de pulmón, cabeza, fígado, ósos, mama, esófago, páncreas, colorrectal, ovario, cancros linfáticos, entre outros.

En neuroloxía, a Tomografía por Emisións de Positóns posibilita o estudo de trastornos neurolóxicos e a detección e estudo de enfermidades neurodexenerativas, como o alzheimer, o párkinson e a epilepsia.

No ámbito da cardioloxía, este equipo permite analizar a viabilidade miocárdica e estudar a enfermidade isquémica.

Evitará desprazamentos fóra da provincia

En definitiva, a incorporación desta avanzada tecnoloxía permitirá ampliar a carteira de servizos do HULA, cunha técnica diagnóstica de última xeración que cubrirá a demanda asistencial dos habitantes da área sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos, evitándolles desprazamentos a outras provincias.

Para a adquisición do PET-TC, co que proximamente será dotado o HULA, a Xunta de Galicia canalizou fondos europeos Next Generation que permitirán adquirir alta tecnoloxía sanitaria para distintos hospitais galegos.

Os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2022 están a supoñer un investimento de máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e equipamento sanitario para os centros da rede sanitaria pública galega, continuando o investimento de máis de 60 millóns de euros dos orzamentos de 2021, que permitiron adquirir sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para as sete áreas sanitarias galegas e de 37 equipos radiocirúrxicos, así como ecógrafos... entre outro equipamento. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud