O SERGAS PUBLICA A RELACIÓN DEFINITIVA E A RESOLUCIÓN DO CONCURSO DE TRASLADOS NA CATEGORÍA DE FACULTATIVO DE CIRURXÍA ORTOPÉDICA E TRAUMATOLOXÍA E MEDICINA INTERNA
12 08 2022
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Resolución pola que se aproba a relación definitiva de admitidos e excluídos e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022, do concurso de traslados aberto e permanente na categoría de facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía ortopédica e traumatoloxía e medicina interna.

Este é o quinto ciclo deste proceso de concurso aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade mínima anual.

Ante a situación actual, na que se está a evidenciar un déficit de profesionais das especialidades de cirurxía ortopédica e traumatoloxía e medicina interna, que resulta máis acusado nos centros hospitalarios de ámbito comarcal, a Consellería de Sanidade adoptou as seguintes medidas: tramitación dun Proxecto de Lei para ofertas de emprego específicas nos hospitais comarcais; oferta de nomeamentos de duración de seis meses ou máis, coa prestación dun mes de servizos en hospitais comarcais; e anticipar a resolución do concurso de traslados aberto e permanente e do concurso oposición nas especialidades mencionadas, co obxecto de poder incorporar aos profesionais o antes posible.

Na especialidade de cirurxía ortopédica e traumatoloxía ofertaranse no concurso-oposición todas as prazas vacantes nos hospitais comarcais, ademais doutros postos como resultado de que ditas prazas non foron adxudicadas no concurso de traslados deste ciclo anual.

As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

As reclamacións presentadas, entenderanse rexeitadas ou admitidas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolva definitivamente o concurso de traslados.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: Concurso.Traslados@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Próximas actuacións

Está previsto que, no mes de setembro, se publique a relación definitiva de admitidos e excluídos e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente para o resto de categorías de persoal estatutario.
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud