A XUNTA DE GALICIA ADXUDICA POR 1,4 MILLÓNS DE EUROS EQUIPAMENTO PARA A FASE 0 DO NOVO CHUAC
12 08 2022

As obras da fase 0 do novo CHUAC, en particular os avances na ampliación da farmacia hospitalaria na primeira planta e na instalación no quinto andar das novas UCI de politraumatizados e coidados intermedios e dunha nova unidade de hospitalización, marchan a bo ritmo.

Estas obras, nas que se invisten 13 millóns de euros, inclúen a ampliación da farmacia, a creación dun novo hospital de día; o incremento do número de camas grazas á creación dunha nova unidade de hospitalización; e a ampliación dos servizos de urxencias e o número de camas para coidados intensivos. En total, esta fase supón actuara nun espazo de 8,6 hectáreas, xerando preto de 225.000 metros cadrados de nova superficie, un 67% máis.

Froito deste avance das obras, a Xunta levou a cabo a contratación do equipamento que necesitarán estes novos espazos en canto entren en funcionamento neste ano. O pasado mes de marzo o Portal de Contratos Públicos de Galicia publicaba unha licitación para equipamento e mobiliario sanitario, destinado a dotar estes novos espazos do hospital coruñés. Sendo o primeiro dos investimentos en equipamentos previstos que serán incrementados a medida que avancen as obras. Agora, o goberno galego vén de adxudicar por valor de 1,4 millóns de euros, os distintos lotes dos que se compoñía a licitación.

En concreto, o contrato inclúe 3 lotes destinados a equipamento tecnolóxico dos novos espazos da farmacia hospitalaria: 9 cabinas de seguridade biolóxica, 8 dosificadoras automáticas de estériles e un robot de preparación de mesturas parenterais de citostáticos. Estes lotes teñen sido adxudicados por un valor conxunto de arredor de 600.000 euros e supoñen unha importante modernización tecnolóxica do servizo de farmacia do CHUAC.

Por outra banda, o lote destinado destinado á adquisición de 35 camas de críticos destinadas ás novas UCI que se crearán con estas obras foi finalmente adxudicado por 625.000 euros. E, finalmente, dentro doutros lotes de mobiliario adxudicados, que inclúen tamén, a outros hospitais, adquírense para o CHUAC 45 camas, mesiñas e sillóns para as novas habitacións de hospitalización, 40 padiolas de exploración hidráulica, 40 carros de curas e 12 carros de parada.

O equipamento obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud