A XUNTA ADQUIRE POR 301.108 EUROS UN NOVO TAC PARA O HOSPITAL PÚBLICO DE VERÍN QUE ENTRARÁ EN FUNCIONAMENTO EN SETEMBRO
17 08 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución do proceso de contratación co que adquiriu por 301.108 euros un novo equipo de tomografía axial computerizada (TAC) para o Hospital Público de Verín. Este novo equipo está destinado a renovar a tecnoloxía xa dispoñible no hospital que xa contaba cunha antigüidade superior aos 15 anos.

O contrato de adxudicación fixaba un prazo de cinco meses para a entrega deste equipamento, pero neste caso será o Hospital Público de Verín o primeiro centro sanitario de Galicia no que se instalará un dos novos TACs xa que ten data de chegada a finais deste mes ao Servizo de Radioloxía e preves a súa entrada en funcionamento a mediados do mes de setembro despois das reglaxes, calibracións e a formación do persoal correspondente.

Este novo TAC (Siemens Somaton go Top Cardio) do Hospital Público de Verín permítirá realizar unhas exploracións cunha excelente calidade de imaxe, con doses moi baixas de radiación e cunha gran velocidade na realización das probas, reducindo a aparición de artefactos xerados (distorsión da imaxe) e dispoñendo dun tubo curto cunha ampla abertura, para reducir a sensación de claustrofobia nos pacientes.

Este investimento entran dentro dos que está a tramitar a Xunta este ano, por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario. A través deles abordou a renovación dos TACs dos sete hospitais comarcais galegos.

Aposta da Xunta polos hospitais comarcais

Esta nova adxudicación demostra tamén a aposta que está a levar a cabo a Xunta polo equipamento dos propios hospitais comarcais. A esta renovación dos TACs súmase á dotación de máis equipamento propio, como os equipos radiocirúrxicos mercados en 2021 cun investimento de 4,3 millóns, dos que sete foron para os hospitais comarcais.

Tamén o ano pasado a Xunta destinou seis millóns de euros para a subministración de ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico e urxencias. Deles, nove distribuíronse nos hospitais comarcais.

Neste plan de renovación e modernización tecnolóxica, a Xunta tamén adxudicou por 1,4 millóns de euros a renovación das lámpadas cirúrxicas dos quirófanos. Nesta licitación están incluídos igualmente os hospitais comarcais.

Con todo este investimento, a Xunta consolida a equidade no acceso á alta tecnoloxía e á mellora da calidade asistencial e a seguridade dos pacientes e profesionais tamén nos hospitais comarcais, que contan con magníficos profesionais que poden empregar toda esta tecnoloxía ao servizo da cidadanía.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud