A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai iniciar o vindeiro martes 30 de agosto un período de obras de renovación de equipamento e instalacións da unidade de Partos da área de Obstetricia do Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, iniciativa de mellora que se prevé rematar antes do venres 16 de setembro.
Dita reforma, que conta, pois, cun prazo estimado de tres semanas, contempla a mellora dos aseos, do chan da zona de dilatación e outras melloras de humanización, así coma a instalación de aire acondicionado e a substitución da lámpara do quirófano desta Unidade por unha nova de última xeneración, que axudará a prestar unha atención sanitaria aos partos cun maior grao de claridade e nitidez.
Traslado provisional da unidade a Medicina Interna-3
A execución destas obras contempla o traslado provisional da unidade de Partos actual ata as dependencias da unidade de Medicina Interna-3 do Hospital Provincial, emprazadas no andar 2 deste centro sanitario pontevedrés. Dito traslado interno faráse efectivo durante a xornada do luns 29 de agosto de 2022 nun operativo coordinado e planificado pola Área Sanitaria para que se garante a continuidade asistencial e a seguridade para pacientes e profesionais.
Así, os actuais espazos de Medicina Interna-3 disporán temporalmente dunha área de exploración de urxencias, consulta de puerperio e polivalente, espazo asignado a Nido, así coma zonas de dilatación e paritorio. Mentres duren as obras, o quirófano 5 do Hospital Provincial utilizaráse como quirófano de Obstetricia, dada a súa próximidade á área de Medicina Interna-3. Dita redistribución temporal contempla unha replanificación cirúrxica da actividade do quirófano 5, que pasará a asumirse provisionalmente desde o quirófano número 6 do bloque cirúrxico do Hospital Provincial pontevedrés.
Potenciación do modelo de asistencia ao parto
Con estas melloras, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés busca potenciar o seu modelo de asistencia ao parto, no que resulta clave que os espazos se convirtan en máis amables e axeitados para a prestación de coidados centrados no alumeamento dos bebés.