FERNÁNDEZ-TAPIAS SALIENTA A IMPORTANCIA DA DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA E DESTACA A COLABORACIÓN ENTRE ADOS E ASOCIACIÓNS VIGUESAS DE DOANTES PARA SENSIBILIZAR Á POBOACIÓN
16 09 2022
 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, sumouse este venres, no Centro Vialia, aos actos de celebración organizados pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), con motivo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, que se conmemora este sábado, 17 de setembro

A representante autonómica resaltou que, no ano 2021, Galicia acadou 890 novos doantes rexistrados, e que o Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (REDMO) conta cun total de 13.700 galegos e galegas. “Tan só o ano pasado Galicia logrou rexistrar a outros 890 doantes e levaron a cabo 9 doazóns efectivas, pero, por desgraza, nunca hai moitos e é necesario continuar cos traballos de sensibilización”, sinalou.

Fernández-Tapias destacou o traballo da ADOS como centro de referencia en Galicia para o rexistro de doantes de medula ósea e integrado no REDMO. Segundo a Organización Nacional de Transplantes (ONT), Galicia ten experimentado unha notable evolución, pois acumula máis de 13.700 doantes. A delegada puxo en valor o papel esencial que teñen os doantes de medula ósea, imposible de obter de maneira artificial ,e que permite salvar a vida a moitos enfermos. Así mesmo, destacou que, ao longo de 2021, en Galicia efectuáronse nove doazóns efectivas.

Dentro dos actos de conmemoración do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi), celebrou un acto no Centro Vialia para divulgar e informar sobre este xeito de doazón. No mesmo participaron, ademais do presidente de Adrovi, Celso García Estevez, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, e a directora de ADOS, Marisa López García, quen lembrou a necesidade de achegar o coñecemento e sensibilización sobre a doazón de medula ósea.

Plan Nacional

Na actualidade, ADOS leva a cabo as medidas correspondentes ao desenvolvemento da terceira fase do Plan Nacional de Medula Ósea, que ten como obxectivo lograr un nivel de autosuficiencia do 35% durante o presente ano, sendo unha das liñas principais de traballo da Estratexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos para o quinquenio 2020-2025 (ENTPH).

Un dos elementos máis destacables da ENTPH, e no que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue está a traballar, é o programa de accións encamiñadas a mellorar o coñecemento da actividade de transplante de proxenitores hematopoéticos, máis coñecido como transplante de medula ósea.

Neste caso, subliñar que a unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade de ADOS dispón dunha certificación da European Federatión for immunogenetics (EFI), dende o ano 1998, renovada de maneira periódica. Esta unidade, que dispón da tecnoloxía máis avanzada, pon de manifesto o compromiso do sistema sanitario público galego con este tipo de doazón.

Ademais, dende hai nove anos, ADOS, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición da cidadanía unha páxina web http://galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Lembrar que poden ser doantes de medula ósea, as persoas de 18 a 40 anos que non padezan ningunha enfermidade grave ou transmisible.

Concienciar e colaborar

ADOS está a desenvolver diversas iniciativas destinadas a sensibilizar a cidadanía da importancia da doazón da medula ósea, poñendo especial atención na poboación máis nova. Desta maneira, os estudantes galegos e os membros da comunidade universitaria reciben información sobre a doazón de medula ósea e lévanse a cabo distintas iniciativas enfocadas a fomentar a inscrición de novos doantes no REDMO. Entre as accións programadas por ADOS, encóntrase a VII edición do Concurso Universitario de Curtametraxes sobre a Doazón e Transplante de Medula Ósea, promovido dende a Coordinación Autonómica de Transplantes do Sergas.

Así mesmo dentro da ENTPH, e promovida  de maneira conxunta entre a ONT e as comunidades autónomas, un aspecto crucial é a promoción da doazón e as actividades desenvolvidas con asociacións de doantes, para difundir o coñecemento sobre esta forma de doazón. Nesta liña de colaboración, ADOS leva anos realizando iniciativas conxuntas con asociacións como ADROVI, ASAMPO, FRANGIL E ASOTRAME.

ADOS quere poñer en valor a figura de todos os doantes de medula ósea, en especial nesta oportunidade con ocasión da celebración do seu Día Mundial, xa que o seu xesto solidario contribúe ao restablecemento de moitos pacientes. Igualmente, invita á cidadanía a informarse sobre este xeito de doazón na súa web: ados.sergas.gal, páxina que recolle información sobre todas as formas de doazón altruísta que poden levarse a cabo no sistema público de saúde de Galicia.

Ademais, tamén poden seguir a ADOS a través das redes sociais (Facebook, twitter, Instagram), así como ver os contidos propios en YouTube, na que participan pacientes que dan a visión do transplante de medula ósea dende a óptica de quen a recibe.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud