O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA O RECOÑECEMENTO INTERNACIONAL DO SERGAS EN MATERIA DE INNOVACIÓN EN SAÚDE
22 09 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesña,  inaugurou hoxe pola tarde, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, a 1ª Xornada de Innovación en Saúde desta área sanitaria. Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que, o feito de que o Sergas poida ser referente europeo en materia de innovación en saúde, débese, en gran parte, “ao traballo que se fai dende as áreas sanitarias”. Ao respecto, sinalou que “a Xunta seguirá a traballar para que a innovación sexa unha constante no día a día do sistema sanitario público galego”. 

No acto, no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros Barros, e polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio Villanueva, o conselleiro incidiu en que esta área sanitaria “conta cunha estrutura axeitada” para emprender proxectos que sirvan de pilotaxe, no caso de replica noutros territorios.

No transcurso da súa intervención, o conselleiro felicitou á esta área sanitaria “polo seu desenvolvemento de liñas de traballo vencelladas á realidade virtual, a impresión 3D, ou a intelixencia artificial”, entre outras. 

Destacou, así mesmo, que no pasado ano o proxecto do Servizo de Oftalmoloxía de Ferrol para o desenvolvemento dun sistema de adquisición de imaxe diagnóstica a través de smartphones, resultou gañador dos Premios de Innovación en Saúde da Xunta, que, na segunda edición, contaron coa participación de preto de 100 proxectos, e dos que xa está convocada a terceira edición.

O conselleiro tamén fixo fincapé que, grazas a este espírito innovador, a sanidade pública galega resultou recoñecida por Europa neste campo, lembrando o recoñecemento que obtivo o Sergas na primeira edición dos Premios Europeos de Contratación Pública de Innovación, na que o Servizo Galego de Saúde foi galardoado co primeiro premio.

A concesión deste premio engádese ao feito de que este mesmo ano a Comisión Europea concedera o proxecto Procure4Health para a creación dunha rede europea de compra pública innovadora no ámbito da saúde, a un consorcio no que formaba parte o Sergas xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde. 

Creación dunha Rede de centros de simulación clínica avanzada

No acto de inauguración, Comesaña tamén destacou a actividade das aulas de simulación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que, dende a súa creación, incrementaron tanto os espazos como o equipamento. Na actualidade, poden ensaiarse técnicas de distintas especialidades sanitarias, grazas a que posúen, entre outros, simuladores de exploración de fondo de ollo e de arritmias. Ademais, contan con maniquíns para soporte vital avanzado e espazos para a realización de prácticas de microcirurxía e cirurxía oftalmolóxica.

Incidiu, así mesmo, que, no tocante á formación baseada na simulación, “a intención da Xunta é xeneralizar este tipo de recursos, regulalos e integralos na formación do persoal, dirixindo os pasos cara á creación dunha rede de centros de simulación clínica avanzada no Sistema Público de Galicia”.

Asemade, o conselleiro tamén destacou o nodo de innovación da área sanitaria de Ferrol, “espazo que reúne a profesionais con vontade de emprender e desenvolver innovación social, tecnolóxica e para a saúde”. O seu traballo, -proseguiu o conselleiro-, non pode entenderse sen a actividade dos nodos de innovación das sete áreas sanitarias, “que nacen como elemento dinamizador dos centros, fomentando o xurdimento de ideas innovadoras e a súa transformación en proxectos con resultados aplicables á práctica asistencial e a todo o sistema público de saúde de Galicia”.

Importancia da innovación no sector da saúde

Esta primeira xornada está organizada pola Xerencia e o Nodo de Innovación da Área Sanitaria de Ferrol, e nela abordarase a importancia da innovación no sector da saúde. O encontro contará coa participación de importantes expertos nacionais e internacionais do ámbito sanitario, así como dos eidos empresarial e da universidade.

Tras o acto inaugural, terá lugar a conferencia de apertura titulada “Da Innovación para a transformación sanitaria”, que será impartida polo doutor Julio Mayol, un dos maiores expertos en innovación do noso país, e actualmente director de innovación do Hospital Clínico San Carlos. 

Ademais, a xornada contará tamén con dúas mesas científicas. A primeira delas enfocada á análise dos modelos de xestión da innovación sanitaria e que estará moderada polo director de Innovación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero. 

A segunda mesa da xornada estará moderada polo subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información da área sanitaria de Ferrol, Javier Quiles del Río, e estará centrada en proxectos innovadores da área sanitaria ferrolá. Na mesa participarán 6 profesionais da ASF para expoñer a súa experiencia en proxectos innovadores en saúde con distintos contidos como gamificación en nefroloxía, innovación en oftalmoloxía, innovación en coidados de enfermaría, innovación e procesos de anatomía patolóxica e simulación en medicina. 

 
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud