A XUNTA ACTUALIZA A GUÍA PARA O USO AXEITADO DOS MEDICAMENTOS NO ÁMBITO SOCIOSANITARIO
01 12 2022
 

O Consello da Xunta coñeceu hoxe a publicación da segunda edición da Guía Farmacoterapéutica e de práctica clínica nos centros sociosanitarios, dirixida aos profesionais dos centros conveniados co Servizo Galego de Saúde e centrada na atención ás persoas en situación de cronicidade.

A nova edición da Guía de 2022 -a primeira publicouse no ano 2018- que promove o uso axeitado dos medicamentos no ámbito sociosanitario, ademáis de actualizar a súa selección, incorpora a innovación terapéutica dos últimos anos. Tamén, a nova edición desprega o enfoque máis farmacoclínico e de práctica clínica, con novos contidos que reforzan aspectos de seguridade no manexo dos medicamentos, como precaucións a ter en conta co uso de certos fármacos nos pacientes con insuficiencia renal ou hepática.

En Galicia hay máis de 377.000 persoas maiores de 75 anos. Delas, case 21.300 viven en residencias, e preto de 3.000 son usuarios de residencias de atención a persoas con discapacidade. O uso axeitado dos medicamentos é parte esencial na xestión eficiente das enfermidades crónicas. Para engadir criterios de homoxeneidade e equidade na prestación farmacéutica, promoveuse a elaboración da primeira Guía Farmacoterapéutica de referencia no ano 2017, que foi publicada un ano despois.

O obxectivo desta guía é a optimización da xestión da prestación farmacéutica neste ámbito asistencial, acadando unha atención integral, segura e de calidade, e un uso eficiente e homoxéneo dos recursos para garantir a equidade de acceso as prestacións farmacéuticas.

Desde 2009 o programa duplicou o número de centros atendidos

A guía se encadra no Programa de Atención Farmacéutica en Centros Sociosanitarios, a través de convenios de colaboración subscritos entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e as entidades responsables da xestión dos centros sociosanitarios.

Este programa é garante dunha farmacoterapia de calidade, segura e eficiente, adaptada ás características particulares do ámbito sociosanitario, dado que se realiza un seguimiento farmacoterapéutico individualizado polo farmacéutico/a responsable do Programa.

Desde 2009 o programa duplicou o número de centros atendidos, pasando de 49 centros sociosanitarios e 6.700 prazas, aos 110 centros actuais e preto de 12.500 prazas.

Ademais, o programa extenderase co obxecivo de que a Atención Farmacéutica contribúa a mellorar a coordinación sociosanitaria.

Novidades da 2ª edición da guía

Entre as novidades desta segunda edición do documento, inclúense 13 novos principios activos e exclúense 4. En total, a guía detalla 272 principios activos.

Identifícanse os medicamentos que precisan axuste de dose en caso de insuficiencia renal e/ou hepática, e tamén diferencianse medicamentos que sonan ou se len igual.

Así mesmo, a guía actualiza e incorpora as novas notas de seguridade da Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS) e as recomendacións da Comisión Autonómica de Farmacia e Terapéutica (CACFT). Inclúense tamén as recomendacións da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre vacinación COVID e o protocolo de utilización de quetiapina para o tratamento de alteracións conductuais en demencia.

Criterios de selección

Sobre os criterios de selección dos medicamentos, a guía inclúe os indicados nas patoloxías máis prevalentes dos pacientes maiores, así como os de eficacia demostrada e perfil de seguridade coñecido. Tamén, os fármacos con menor incidencia de reaccións adversas ou interaccións co resto de medicamentos nos pacientes maiores. Inclúese medicación de pauta posolóxica cómoda que favoreza a adherencia aos tratamentos e nas doses mais idóneas ás características especiais deste grupo etario. Tamén se seleccionan medicamentos que maximizan a eficiencia dos tratamentos e os resultados a saúde, e adecúan as formas farmacéuticas ás incapacidades físicas destes pacientes (alteracións da deglutición ou sondas de nutrición enteral, por exemplo).

A Guía Farmacoterapéutica está dispoñible en formato online, en versión galego e castelán, é accesible e publícase na Intranet do Sergas e no catálogo de publicacións da Xunta de Galicia. Trátase dun documento dinámico, en contínua revisión en actualización por parte do grupo de traballo.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud