A XUNTA DESTACA A CONSULTA MONOGRÁFICA DE SILICOSE DO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO COMO SERVIZO DE REFERENCIA EN ESPAÑA QUE ATENDE A 600 PACIENTES
02 12 2022
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña puxo hoxe en valor o traballo da asociación Osílicie e a súa colaboración co Servizo Galego de Saúde no tratamento dos paciente afectados pola silicose.


Julio García Comesaña, que interveu na Xornada organizada por este colectivo en Vigo, destacou que a consulta monográfica de silicose no Hospital Álvaro Cunqueiro na cidade olívica constitúe unha referencia en España. Este servizo, posto en marcha en 2017, “supuxo un salto cualitativo nos pacientes de silicose en Galicia en xeral, e na área de Vigo en particular”. O conselleiro de sanidade sinalou que, desde a súa posta en marcha, a consulta ten en seguimento a arredor de 600 pacientes con silicose.

O responsable da sanidade galega referiuse ademáis á vía clínica específica “que está aberta a todos os centros de saúde da área sanitaria de Vigo, e que tivo moi boa acollida en concellos máis afectados por esta patoloxía, como Porriño, Mos e Salceda de Caselas”.

En relación con esta patoloxía crónica, Julio García Comesaña tamén se referou aos importantes avances da sanidade para garantir a mellor atención posible aos pacientes diagnosticados con silicose, e destacou neste sentido o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña como un dos tres centros con maior experiencia en España en trasplante pulmonar a estes doentes.

Julio García Comesaña agradeceu o labor que asociacións como Osílicie realizan en favor dos afectados por esta enfermidade de orixe laboral, froito da exposición prolongada e continuada ao po de sílice.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud