A Xunta de Galicia vén de iniciar as reunións cos 33 grupos focais que conforman unha nova fase do proceso de avaliación de riscos psicosociais no Servizo Galego de Saúde. Estes grupos están integrados por 20 profesionais seleccionados ao azar dentro dos distintos perfís profesionais, co obxectivo de clarificar e interpretar os resultados obtidos a través do cuestionario “Contorno de traballo saudable” e para colaborar na proposta das medidas organizacionais que nos permitan seguir avanzando no noso obxectivo de gañar en benestar e saúde laboral.
Durante o mes de marzo, esta acción liderada pola dirección xeral de Recursos Humanos do Sergas, reunirá os grupos do ámbito da atención primaria para, de seguido, continuar nos meses de abril e maio cos correspondentes ao ámbito da atención hospitalaria.
Así, a partir da análise e discusión nestes grupos dos resultados obtidos nas 32.100 respostas individuais ao cuestionario, ao que se engadirán outros datos e información relativa aos equipos de traballo na organización -obtida mediante enquisas á liña de mando da organización-, deseñaranse os plans e as novas medidas que permitan cambios organizativos, co ánimo de crear espazos de traballo máis saudables e humanizados.
O devandito cuestionario estivo a disposición de todo o persoal do Sergas desde o pasado mes de novembro ata o 31 de xaneiro do presente ano. Así, estivo acompañado dunha ambiciosa campaña de comunicación e difusión na que se contou con distintos soportes gráficos e informativos deseñados especificamente (cartelaría, banners, folletos, SMS, etc.). Neste senso, conseguíuse un importante éxito de participación ao responder case o 75% do persoal, e rexistrarse 32.100 respostas dos profesionais.
Este plan de acción está integrado dentro do proceso para a avaliación de riscos psicosociais de todo o persoal; e enmárcase na liña de escoita activa do Plan de atención e apoio ao persoal da sanidade e no Proxecto ConVIVE para a mellora da convivencia e atención do persoal que integra o Servizo Galego de Saúde.