Con motivo do acto de benvida da nova promoción de residentes que
tivo lugar esta mañá, Luis Verde Remeseiro, xerente da Área Sanitaria da Coruña
e Cee, suliñou “a importancia que para os
centros sanitarios supón a incorporación de novos profesionais en formación que
estimulan aos propios integrantes da institución a manterse actualizados,
transmitindo as súas experiencias para seguir formando especialistas de
recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional”.
Ademais de destacar que “entre todos
intentaremos formar aos mellores profesionais e para iso ofrecémosvos a
oportunidade de vos iniciar e progresar na investigación, xa que contamos con
grupos consolidados de excelencia en liñas relacionadas coas enfermidades máis
prevalentes, pero tamén as minoritarias. Aquí teredes a oportunidade de
desenvolver o voso labor no eido da investigación biosanitaria. Unha
organización ou un profesional que non investiga, que non se plantexa
preguntas, está abocado a estancarse”.
Este ano, os cinco primeiros
residentes que optaron pola especialidade de pediatría na nosa comunidade
autónoma elixiron a Área Sanitaria da Coruña e Cee como opción. Ademais, como
novidade, unha das especialidades ofertadas e cubertas é a de medicina do
traballo.
Ao acto asistiron,
ademais do Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, o equipo directivo e todo
o persoal facultativo dos centros dependentes.
A nova promoción componse dun total
de 128 residentes (64 prazas de medicina hospitalaria, 39 prazas de medicina
familiar, 20 prazas de enfermería, 2 de farmacia, 2 de psicoloxía e 1 de
bioloxía) que se distribuirán polos hospitais Universitario A Coruña, Teresa
Herrera, Marítimo de Oza, Abente y Lago e os centros de saúde
Os futuros especialistas elixiron este centro
sanitario pola súa calidade asistencial, contrastada nacional e
internacionalmente nalgunhas áreas, á que se suma o renovado interese pola
actividade investigadora, facilitando o acceso dos seus residentes á carreira
académica mediante os programas de terceiro ciclo, as novas liñas de
investigación en ciencias biomédicas e completando a súa formación coa
programación de cursos de materias médicas.