​COMESAÑA DESTACA O LABOR DO PERSOAL DE ENFERMERÍA DO SERGAS NO COIDADO DOS PACIENTES CON ENFERMIDADES UROLÓXICAS
25 05 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; inaugurou esta mañá en Santiago de Compostela o XLI Congreso Nacional da Asociación Española de Enfermería en Uroloxía, Androloxía e Incontinencia Urinaria, un acto no que puxo en valor o traballo diario que desempeñan os profesionais de Enfermería do Sergas, no ámbito das enfermidades e dos trastornos urolóxicos.

O Hotel Monumento San Francisco acolle, durante os días 25, 26 e 27 de maio, un encontro no que profesionais nacionais e internacionais da Enfermería urolóxica, intercambiarán coñecemento e experiencias co obxectivo de avanzar cara a excelencia no coidado dos pacientes que sofren algún tipo de doenza desta especialidade clínica.

O titular da carteira sanitaria da Xunta salientou a importancia que posúe a investigación no ámbito da Enfermería. Así, destacou o valor que posúen algunhas das iniciativas innovadoras que desenvolve o Servizo Galego de Saúde, como é o caso de Femora, na que se recopilan procedementos e protocolos baseados na evidencia científica, e na que se facilita o acceso dos profesionais sanitarios ás prácticas clínicas máis axeitadas e eficientes, como por exemplo, a sondaxe visical.

Durante a súa intervención, o conselleiro tivo palabras de agradecemento para o persoal de Enfermería pola súa implicación nas actividades formativas da cirúrxia robótica pois, segundo apuntou, o seu esforzo contribuíu a que ata o ano 2022, os robots Da Vinci adquiridos pola Xunta realizasen un total de 2.760 intervencións, e das que o 33% pertencían ao ámbito da Uroloxía.

Acompañado polo presidente da Asociación Española de Enfermería en Uroloxía, Ramón Bernal; a vicepresidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra, María Sol Montenegro; e a directora de Enfermería da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Victoria Carral; Comesaña salientou tamén as importantes achegas que realizan os profesionais de Enfermería na elaboración dos Procesos Asistenciais Integrados (PAI), e entre os que se inclúe, entroutros, o do cancro de próstata.

Nesta liña, sinalou que Galicia está a avanzar na implementación da indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos suxeitos a prescripción médica por parte das enfermeiras no ámbito das ostomías e, máis en concreto, no das urostomías, pois este protocolo permite que os profesionais de Enfermería realicen o procedemento.

Comesaña pechou o acto inaugural do XLI Congreso Nacional da Asociación Española de Enfermería en Uroloxía, Androloxía e Incontinencia Urinaria, remarcando a importancia desta xuntanza, pois, "o nivel de profesionalización e especialización dos participantes, dará lugar a unhas sinerxías positivas que redundarán en beneficio dos nosos pacientes”.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud