A XERENCIA SANITARIA COMPOSTELÁ IMPLANTA UN NOVO PROTOCOLO DE ACOMPAÑAMENTO AO NACEMENTO POR CESÁREA 06 09 2023
Santiago, 6 de setembro 2023.- A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e
Barbanza pon en marcha un novo Protocolo de acompañamento ao nacemento mediante
cesárea no que se posibilita o acompañamento á nai, de quen ela decida, durante
todo o proceso, e a non separación en ningún momento do seu fillo, ao igual que
xa se viña facendo no parto vaxinal, polo que se adianta o contacto pel con pel
continuado co recén nado.
Así pois, trala
constitución, a principios deste ano, dun grupo de traballo participado por
persoal facultativo e de enfermería dos servizos de Obstetricia e Xinecoloxía,
Pediatría e Anestesioloxía, e co apoio da xerencia elaborouse e aprobouse dito
protocolo que entra agora en funcionamento tralo consenso dos profesionais.
Dito documento garante a seguridade e cumprimento dos estritos protocolos
anestésico-cirúrxicos no quirófano que en principio dificultaban o
acompañamento e a non separación da nai co bebé.
Esta medida
enmárcase no compromiso da xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza
por “adoptar actuacións encamiñadas á potenciar a atención de calidade ao parto
e aos nacementos por cesárea en todas as etapas do proceso, dende a dilatación
ata a recuperación da nai e o bebé”, segundo subliña Eloína Núñez, xerente da
área sanitaria compostelá.
Este
protocolo “que comezará a aplicarse de xeito inminente, pretende mellorar a
experiencia das mulleres e as súas familias. Síntome moi orgullosa de
implementalo na nosa área sanitaria”, engade a xerente. Amais subliña, “quero
destacar que foi un traballo no que participamos de xeito conxunto a dirección,
e os profesionais do servizo de obstetricia e xinecoloxía e os de pediatría e
anestesia a quen quero agradecer a súa implicación para a implantación deste
protocolo no que estivemos traballando nos últimos meses”.
Xuntanza coa plataforma Loita
Esta mañá a
xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez,
acompañada pola directora de enfermería, Vitoria Carral, a xefa do servizo de
Obstetricia e Xinecoloxía, Laura Souto, a supervisora da unidade de Partos,
Consuelo Vázquez e Patricia Peñas, obstetra, convocaron ás responsables da
plataforma Loita para darlles a coñecer o novo proceso que se pon en marcha.
Segundo
figura no texto, dito protocolo busca “estandarizar e normalizar a cesárea con
acompañante en quirófano e as prácticas que facilitan a satisfacción das
familias, o contacto pel con pel precoz do recén nado e o establecemento precoz
da lactancia materna se é o desexo materno, dentro dunhas condicións de
seguridade óptimas tanto para as familias como para os traballadores
sanitarios”. O novo protocolo de acompañamento está indicado nas cesáreas
programadas que se realicen con anestesia loco-rexional nas que non se prevean
complicacións cirúrxicas. Introdúcese en dúas fases, cuns determinados
criterios clínicos na primeira etapa, que se ampliarán nun segundo paso en
canto se normalice a súa práctica.
A
implantación deste novo proceso é posible ademais pola adaptación de espazos na
área de paritorio e a reorganización, adaptación e adquisición de material
necesario para a súa posta en marcha. Trala cesárea facilitarase inmediatamente
o contacto pel con pel coa nai de forma continuada e na presenza do
acompañante, xa que se ten habilitado un espazo na propia área de paritorio
para o postparto que permite o seu acompañamento permanente ata a subida á
habitación, sempre que o estado de saúde da nai e do bebé o permitan.
Melloras tecnolóxicas e de confort
A Unidade de
Traballo de Parto e Reanimación (UTPR) do Servizo de Obstetricia acaba de
incorporar, este verán, 5 novas camas que se instalaron hospital Clínico cun investimento
de preto de 78.000€.
Estas camas mellorarán
a experiencia das pacientes durante todo o proceso de parto, favorecendo, tamén
o labor dos/as profesionais do servizo de obstetricia. Destacan polo seu deseño
ergonómico e a súa tecnoloxía avanzada, que se adapta ás necesidades
específicas das mulleres durante o proceso de dilatación, parto, reanimación e
postparto.
Entre os
beneficios destacan o axuste de altura para facilitar o acceso e a comodidade
tanto para as pacientes como para o persoal, as posicións múltiples para adoptar
a máis cómoda durante o traballo de parto e o parto en si, e o soporte lumbar
axustable que ofrece maior confort. Amais ofrece unha maior seguridade e
estabilidade.
Esta mellora vense a sumar á recente instalación de 11
novos ecógrafos adquiridos pola Xunta de Galicia, cun custe de 900.000
euros nas consultas de xinecoloxía e obstetricia da área sanitaria compostelá.
Esta renovación e ampliación tecnolóxica permitirá unha importante mellora na
capacidade de resolución das consultas e que implicará tamén grandes avances na
capacidade diagnóstica de cada visita médica.
A área
sanitaria de Santiago asiste unha media de 5 partos ao día no Clínico no primeiro
semestre do ano. En total, do 1 de xaneiro ao 11 de xullo, rexistráronse, no hospital Clínico, 1.100
recén nados. A idade
media das nais foi de 31,56 anos, descendendo un pouco ao respecto da idade
media das nais do pasado ano 2022, cando fora de 34,70 anos. Saúdos,
|
|