​A XUNTA PORÁ EN MARCHA UNIDADES FUNCIONAIS MULTIDISCIPLINARES DA DOR NO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
08 11 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que a Xunta porá en marcha unidades funcionais multidisciplinares da dor en todas as áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde. Adiantouno durante a xornada ‘Dor cero’ organizada pola Liga Reumatolóxica Galega no salón de actos da Consellería.

As unidades contarán con anestesistas, neurólogos, reumatólogos e persoal de enfermería, entre outras especialidades, e traballarán en ofrecer unha atención integral e multidisciplinar encamiñada a aliviar a dor e mellorar a calidade de vida das persoas que a sofren. “E o máis importante: propiciarán un tratamento da dor individualizado e adaptado ás necesidades e circunstancias de cada paciente”, apuntou Comesaña.

Neste sentido, o Sergas xa mide e rexistra na gráfica de constantes a dor aguda e, a finais do ano pasado, publicouse un novo procedemento actualizado para valorar a dor aguda nos hospitais. En canto á dor crónica, co circuíto asistencial da E-interconsulta da Unidade de dor, os equipos de atención primaria poden compartir de forma áxil o manexo da atención a esta dor.

En particular, nos últimos anos a sanidade pública galega ten instaurado un novo modelo para patoloxías nas que é necesaria unha organización transversal a través de unidades funcionais multidisciplinares (UFM) Post-covid, de enfermidades raras, de mama ou de solo pelviano.

Así, pensando na repercusión que ten a dor na calidade de vida das persoas e cumprindo o mandato unánime do Parlamento de Galicia, a Xunta creará Unidades Funcionais Multidisciplinares.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud