​A XUNTA FORMA OS PRIMEIROS ‘YAM HELPERS’ QUE COLABORARÁN NO DESENVOLVEMENTO DO NOVO PROGRAMA DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS SUICIDAS ENTRE A MOCIDADE
17 11 2023
 


A Xunta de Galicia desenvolveu durante a xornada de hoxe a primeira xornada formativa destinada aos denominados ‘YAM Helpers”, os axudantes que colaborarán cos instrutores do Proxecto YAM (Youth Aware of Mental Health), nas sesións de prevención das condutas suicidas que se levarán a cabo nos centros educativos galegos.

Impartido polo coordinador de Programas de Prevención e Promoción da Saúde Mental do Sergas, Alexandre García Caballero, máis de 70 residentes, pertencentes ás especialidades de psiquiatría, psicoloxía e enfermería especializada en Saúde Mental, participaron nun curso formativo que os habilita para colaborar no programa europeo de prevención do suicidio entre a poboación moza, e que a Xunta desenvolverá durante o curso 2023-24 en 40 institutos da nosa comunidade.

Segundo explicou García Caballero, nas vindeiras datas, e en colaboración cos directores dos centros educativos e da Consellería de Educación, vanse solicitar os consentimentos informados ás familias nunha serie de charlas formativas que membros do equipo investigador YAM darán nos centros.

Galicia será pioneira na implementación deste programa a nivel nacional. Así, o pasado mes de xuño un total de 20 profesionais dos ámbitos da Educación e da Saúde Mental recibiron formación por parte do equipo do Instituto Karolinska de Suecia, que patentou este proxecto. 

O número de instrutores incrementarase no vindeiro curso escolar -e sucesivos-, coa contratación progresiva de psicólogos clínicos no Sergas para levar a cabo o devandito programa, e así poder chegar á totalidade dos centros educativos de xeito progresivo. 

Os YAM helpers serán persoal auxiliar que apoiará o traballo destes profesionais. Así,  instrutores e asistentes, serán os encargados de levar o Proxecto YAM ás aulas de 3º da ESO dos institutos galegos. Ademais, está previsto a contratación de profesionais de psicoloxía clínica no período 2024- 2028, para que xa desde o vindeiro ano, se formen máis instrutores e se poida ampliar o programa.

Plan de prevención do Suicidio en Galicia

A prevención da conduta suicida é unha prioridade para o Goberno galego. Así, no marco do desenvolvemento do Plan de Saúde Mental poscovid-19, o Executivo acordou traballar no obxectivo de promover a saúde mental na infancia e previr os intentos de suicidio na poboación infantil e adolescente, elaborando unha actualización do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil. 

Ao abeiro deste Protocolo, decidiuse levar a cabo un programa de prevención universal dirixido ao alumnado da ESO co obxectivo de diminuír a incidencia da conduta suicida e mellorar as estratexias de busca de axuda, estando identificando o Programa YAM como o modelo de intervención máis eficaz, de acordo as recomendacións da OMS e Save the Children.

Para o desenvolvemento do YAM, a Xunta de Galicia conta cun financiamento de dous millóns de euros, a través do Fondo Social Europeo. Así, o traballo colaborativo entre as consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades; e a de Sanidade; levarán aos centros de Educación secundaria un programa que amplía os recursos que xa incorporan o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, e nomeadamente, o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud