A XUNTA REGULA O REXISTRO GALEGO DE TUMORES PARA REFORZALO COMO FONTE DE INFORMACIÓN PARA A INVESTIGACIÓN ONCOLÓXICA
19 11 2023

A Xunta crea e regula o Rexistro galego de tumores (Regat) e o Consello de asesoramento do Regat, por medio da orde publicada no DOG, co obxectivo de reforzar o funcionamento do rexistro como ferramenta de información útil para a comunidade científica do eido oncolóxico. 

Enmarcado na Estratexia de xestión do cancro en Galicia 2022-2028, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade impulsa a optimización do Regat a través da automatización da entrada de datos de distintos sistemas de información. Deste xeito, ás fontes actuais do rexistro (o conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos e a información proporcionada por Tarxeta Sanitaria e polo Rexistro de mortalidade de Galicia) integraranse os datos dos programas poboacionais de cribado, ou de prescrición farmacéutica. Esa información integrada no seu conxunto permitirá realizar estudos de supervivencia ou de efectividade dos programas instaurados.

En canto ao Consello de asesoramento do Regat, entre outras funcións terá avaliar o contido dos informes do rexistro ou propoñer a inclusión de novas variables e fontes de información. Este órgano colexiado estará adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública e contará, entre outros membros, con facultativos especialistas de área en oncoloxía, radioloxía, hematoloxía, anatomía patolóxica, inmunoloxía, medicina preventiva e saúde pública, medicina familiar e comunitaria e representación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Ampliación de persoal e datos de supervivencia

A unidade responsable do Regat reforzouse este ano con tres postos de persoal técnico superior en documentación sanitaria co obxecto de abordar a validación dos tumores para os que a Xunta dispón de programas de cribado poboacional (mama, colon e recto e cérvix) e dous dos de maior prevalencia (pulmón e próstata), que ademais son os que se consideran como prioritarios nos últimos plans oncolóxicos de Galicia.

Froito do impulso ao rexistro, acaba de ser publicado en outubro o segundo informe anual do Regat​ que contempla datos de incidencia de tumores referidos ao ano 2022; información sobre mortalidade por cancro, referida a 2021 (último ano con toda a información codificada e validada das causas de morte dos certificados de defunción); e información específica para cada un dos tumores considerados. 

Segundo recolle o informe, no 2022 fixéronse 17.237 novos diagnósticos de cancro en persoas que residían en Galicia. Nos homes, os tumores que deron lugar a un maior número de diagnósticos foron os de próstata (2.422), seguidos dos de pulmón (1.506) e vexiga urinaria (1.040); mentres que nas mulleres, os máis frecuentes foron os de mama (1.853), colon (725) e pulmón (556). 

Co reforzo da Xunta ao Rexistro Galego de Tumores, preténdense automatizar análises que agora foron elaboradas con validación manual e que serven para avaliar as políticas de saúde pública. É o caso, en canto ao cancro de mama, da análise concreta da supervivencia aos 10 anos das mulleres diagnosticadas grazas ao programa galego de detección precoz do cancro de mama. Segundo estes datos, a supervivencia cando o cancro se diagnostica no estadio I é do 98%. Esta probabilidade diminúe ao 92%, 69% e 31% cando, respectivamente, é diagnosticado nos estadios II, III e IV. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud