A XUNTA COMPLETA A RENOVACIÓN DO EQUIPAMENTO DO LABORATORIO DE SAÚDE PÚBLICA DE GALICIA PARA MULTIPLICAR A SÚA CAPACIDADE ANALÍTICA
20 11 2023

A Xunta vén de adxudicar neste mes o último contrato do proceso de renovación e modernización tecnolóxica do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia (LSPG): un cromatógrafo iónico para a determinación de sulfitos. 

Con esta última adxudicación, complétase un investimento total de case 1,5 millóns de euros no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia financiado con Fondos europeos no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER GALICIA 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

A Xunta de Galicia decidiu facer uso destes fondos europeos para renovar o equipamento e o sistema de información e xestión do laboratorio. Apostouse, polo tanto, por dedicar estes fondos de recuperación tras a pandemia a potenciar precisamente a capacidade de prevención e control no eido da saúde pública, con investimentos que van permitir multiplicar a capacidade analítica do LSPG para detectar novos patóxenos e contaminantes de interese nos alimentos e augas de consumo.

Esta decisión vai na liña das recomendacións marcadas tras a pandemia polas institucións europeas e polas comisións de estudo creadas nas diferentes cámaras lexislativas como o Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galicia, que incidían en reforzar a capacidade dos sistemas de vixilancia epidemiolóxica para poder contar cunha rede de alerta e un sistema de resposta rápida diante de crises de saúde pública. 

En consecuencia, o Goberno galego realizou no 2021 un estudo arredor do estado dos procesos, procedementos e dixitalización do Laboratorio no que se detectaron oportunidades de mellora en catro áreas fundamentais: optimización de procesos; equipamento de laboratorio: seccións microbiolóxica e físico-química; sistema de información e xestión do laboratorio (LIMS); e carteira de servizos. 

Partindo da análise das conclusións deste informe e tendo a dispoñibilidade de fondos europeos REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID, durante o ano 2022 e 2023 licitáronse diversos expedientes de contratación. 

Así, a área de Microbioloxía dotouse dun novo termociclador e dun extractor de ácidos nucleicos que, a curto prazo, permitirán que o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia poda engadir ao seu catálogo de servizos o análise de patóxenos en augas e alimentos como: Legionella spp., E. coli verotoxigénico, Vibrio spp. (diferenciar V. vulnificus, V. parahaemolyticus e V. cholerae), Norovirus xenogrupo IV,  Adenovirus e outros virus asociados a gastroenterites e HAV, Salmonella spp (S. enteritidis e S. typhimurium). Antes de dispor deste equipamento o laboratorio soamente determinaba Legionella pneumophila e Norovirus genogrupos I e II en augas.

Por outra banda, na área de Química incorporáronse un novo equipo de cromatografía de líquidos dotado cun detector de espectrometría de masas de tripo cuadrupolo e outro de cromatografía de gases, xunto cun sistema cromatográfico UHPLC con dobre detector e un equipo de espectometría de masas con plasma de axuste indutivo. Para completar a renovación e modernización do equipamento, adxudícase agora un cromatógrafo iónico para a determinación de sulfitos. Con este novo equipamento darase cobertura aos novos requirimentos normativos europeos e poderán analizarse sulfitos en dúas matrices como os viños e produtos da pesca, dúas importantes industrias para a comunidade galega. 

Outro dos eixos arredor dos que pivotaba o estudo realizado no 2021 era o Sistema de Información e Xestión do Laboratorio (LIMS), que permite manexar todo o fluxo de traballo do mesmo. A finais do mes pasado adxudicouse o contrato dun novo Sistema de Información e Xestión que vai optimizar os mecanismos de solicitude de análise e recepción de mostras ou a introdución de resultados. 

Con estes investimentos, amplíase a capacidade analítica do Laboratorio, onde xa se analizaran no 2022, preto de 17.000 mostras ambientais e de alimentos nas que se realizaran máis de 290.000 ensaios. Deles, o 8 % (23.231) foron realizados na área de microbioloxía e 268.149 (92%) na físico-química. 

Investimento en obra e equipamento de case 5 millóns nos últimos dez anos

Tanto o investimento en equipamento como do sistema de información do laboratorio (LIMS) van supoñer unha transformación global na xestión de mostras e procesos dentro do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, o que dará lugar a aumentar a eficiencia dun ente que xa agora é referente no campo da saúde pública en España tras un investimento total da Xunta de case 5 millóns de euros nos últimos dez anos.

A Xunta apostou no ano 2013 por Lugo para ter esta infraestrutura, executando unhas obras de ampliación do laboratorio provincial para aumentalo ata os 2.500 metros cadrados, dotalo de novo equipamento de alta tecnoloxía e convertelo no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia. 

Despois dun investimento de case 2 millóns de euros, botou a andar en xaneiro de 2015 e a mediados dese ano tivo unha nova achega de 600.000 euros para completar a reforma e a adquisición de tecnoloxía. Estes investimentos foron cofinanciados nun 80% pola Unión Europea dentro do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013. Posteriormente, investíronse, entre 2018 e 2020, outros 600.000 euros en distintos equipos de cromatografía. Finalmente, os fondos europeos REACT-UE permitiron financiar estes últimos investimentos por valor de case 1,5 millóns de euros.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud