A CONSELLERÍA DE SANIDADE COLABORA CON PORTUGAL NA INVESTIGACIÓN SOBRE O GROMO DE LEXIONELLA DETECTADO NO BAIXO MIÑO
21 11 2023

​A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade segue a investigar o gromo de lexionella, con 10 casos,  que afectou aos concellos da Guarda e O Rosal. Destas 10 persoas, na actualidade 7 delas permanecen hospitalizadas no Hospital Álvaro Cunqueiro. 

Hai un novo caso confirmado, cuxos síntomas apareceron hai polo menos unha semana, de modo que non se trataría dun caso novo.

Seguindo os protocolos de Saúde Pública, o departamento sanitario galego constituíu un equipo de investigación epidemiolóxico e ambiental do gromo, tomando mostras da auga de traída das zonas onde residen as persoas afectadas, así como do domicilio de cinco deles, resultado as probas negativas.

Así mesmo, técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública, encabezados pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, mantiveron unha reunión de traballo con representantes de Saúde Pública do Goberno de Portugal, para intercambiar información sobre os casos de lexionella galegos e os detectados no norte de Portugal, concretamente na localidade de Caminha.

No momento actual, aínda non se pode concluír cal é a fonte de exposición. Cómpre subliñar que o contaxio acostuma producirse por aerosois.

A Consellería de Sanidade mantén informados aos rexedores de ambos municipios da situación e dos resultados das medidas tomadas.

A investigación ambiental segue en curso, estando a analizarse a curva epidemiolóxica, que permitirá definir se o gromo se pode dar por finalizado.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud